Educación estuda poñer comedor escolar na Reigosa e pagalo a medias co Concello

Ponte Caldelas
17 de xaneiro 2019

Tras reiteradas demandas do Concello e mesmo unha recollida de sinaturas por parte da ANPA, Educación asegura que é a súa vontade iniciar un proceso de estudio para atopar a mellor solución para o comedor escolar, que podería pasar pola instalación dun módulo-comedor para o próximo curso

Colexio da Reigosa
Colexio da Reigosa /

O comedor escolar da Reigosa, unha das demandas históricas de Ponte Caldelas, pode ser unha realidade moi pronto. Así polo menos se desprende da xuntanza que mantivo este xoves o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, coa ANPA do colexio.

Tras reiteradas demandas do Concello e mesmo unha recollida de sinaturas por parte da ANPA, Educación asegura que é a súa vontade iniciar un proceso de estudio para atopar a mellor solución para o comedor escolar, que podería pasar pola instalación dun módulo-comedor para o próximo curso.

A obra, que roldaría os 50.000 euros, sería executada a través dun convenio co Concello desta localidade, co obxectivo de que ambas administración colaboren ao 50% coa instalación deste novo comedor, como se está a facer noutras localidades da provincia.

O concello tamén tería que asumir a instalación dos servizos de luz, auga e saneamento, segundo avanza o xefe territorial de Educación.

Pérez Ares trasladoulle ás representantes da ANPA que a unidade técnica da Xefatura Territorial de Educación estudará nos próximos meses a viabilidade desta instalación así como a súa mellor situación dentro do recinto do colexio.