A Concellaría de Benestar Social, dirixida por Anabel Gulías, volve apostar pola Disciplina Positiva cunha nova edición de talleres destinados a mellorar a convivencia familiar e fortalecer os lazos afectivos entre xeracións.
A proposta, baixo o título "Crecendo con Calma", busca ofrecer a nais, pais, educadores e persoas coidadoras ferramentas prácticas para entender o comportamento infantil, reconducir condutas e fomentar unha comunicación respectuosa e empática.
"As anteriores edicións foron un éxito", destacou Gulías, quen subliñou que estes espazos son "unha oportunidade para aprender a educar desde o amor, a firmeza e a comprensión".
Os talleres, organizados e impartidos pola asociación Semilla y Raíz DP, celebraranse no Pazo da Cultura os sábados 8 e 15 de novembro, de 9:30 a 13:30 horas. Durante as sesións, traballaranse temas como o apego seguro, o xogo como ferramenta de aprendizaxe, a autoestima na crianza ou a xestión de límites.
Como novidade, este ano incorpóranse dous encontros especialmente pensados para avós e avoas, titulados "Coidar e acompañar desde o corazón", que terán lugar os luns 10 e 17 de novembro, de 10:00 a 13:00 horas.
Neles abordarase como acompañar aos netos desde a confianza, comunicarse entre xeracións e gozar dunha crianza compartida sen tensións.
As actividades son gratuítas, con prazas limitadas a 25 persoas, polo que é necesario inscribirse a través do correo electrónico [email protected].
Segundo explicou Berta Romero, membro de Semilla y Raíz DP, "no se trata de decirle a nadie cómo educar, sino de crear un espacio de reflexión donde la conexión esté por encima del control".
Nos talleres priorízase a aprendizaxe vivencial, mediante dinámicas de grupo e xogos de rol que permiten porse na pel dos nenos e nenas.
Inspirado no enfoque desenvolvido nos anos 80 pola psicóloga Jane Nelsen, o modelo de Disciplina Positiva parte dunha premisa sinxela pero poderosa que é que os nenos se comportan mellor cando senten ben. Castigos, berros ou humillacións xeran desconexión, mentres que a empatía e o respecto fortalecen o vínculo e fomentan a responsabilidade.
"Queremos empoderar a las familias —engade Romero— para que descubran que educar desde la calma y la firmeza es posible". E, no caso dos avós, que coidar aos netos sexa unha fonte de alegría e non de tensión.
A filosofía da Disciplina Positiva propón mirar os erros como oportunidades de aprendizaxe, ensinar aos pequenos a xestionar a frustración, e substituír os castigos por consecuencias lóxicas e respectuosas. Porque educar "empeza polos adultos" e os nenos aprenden máis do que ven que do que escoitan.
Con esta iniciativa apóstase por unha educación emocionalmente consciente, baseada na empatía, a comunicación e o respecto mutuo como alicerces dunha convivencia máis saudable e feliz.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.