Primeiro Camiño Escolar Seguro en Sanxenxo con estudantes do colexio da Florida

Sanxenxo
28 de outubro 2025
Actualizado: 17:21

A iniciativa, impulsada polo goberno local, busca reducir o tráfico e fomentar a autonomía dos escolares, co apoio da comunidade educativa e establecementos colaboradores

Proba do Camiño Escolar en Sanxenxo
Proba do Camiño Escolar en Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo porá en marcha este mércores 29 de outubro o primeiro Camiño Escolar Seguro co alumnado do colexio da Florida, apostando pola mobilidade sostible e a seguridade infantil.

O proxecto, impulsado conxuntamente polas áreas municipais de Educación e Seguridade Cidadá e Emerxencias, ten entre os seus obxectivos diminuír a presenza de vehículos particulares nas inmediacións do centro escolar e promover a independencia e socialización dos estudantes.

Para preparar o percorrido, alumnado de 5º de Primaria realizaba este martes unha simulación guiados polo policía local Abelardo Martínez, coñecido como o Poli Paco, experto en seguridade viaria; docentes do centro; os concelleiros Nati Parada e Xoán Pérez; e a presidenta da ANPA, Pomba Otero.

Durante o traxecto repasaron as principais cruces, puntos do camiño e a localización de comercios colaboradores onde os escolares poden solicitar axuda se a necesitan.

Como parte do proxecto, pintáronse pictogramas nos pasos de peóns para reforzar as normas básicas de seguridade: deterse, mirar, comprobar que o vehículo está parado e cruzar.

Ademais, nas últimas semanas habilitáronse seis puntos de encontro, sinalizados para facilitar a organización dos desprazamentos en grupo segundo a zona de residencia dos alumnos: Cruzamento Rúa Ourense-Rúa Progreso, Rúa Madrid (Concello), Cruzamento Rúa Cesteiros-Progreso, Avenida de León (Praia A Carabuxeira), Rúa Miraflores e Camiño da Carabuxeira.

Escolares do colexio A Florida proban o Camiño Escolar
Escolares do colexio A Florida proban o Camiño EscolarConcello de Sanxenxo

A comunidade local súmase ao proxecto, con aproximadamente trinta establecementos comerciais identificados mediante adhesivos nos seus escaparates como puntos de apoio para os escolares.

A Policía Local realizará labores de supervisión durante as primeiras semanas, mentres que varias familias colaborarán nos traxectos.

Tras esta experiencia piloto, o Concello de Sanxenxo planea estender a implantación de Camiños Escolares Seguros ao resto de centros educativos en próximos cursos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora