Alejandro P.C., El Ilustrísimo, pasou ao longo da tarde deste xoves a disposición xudicial de novo. Será a segunda vez nunha semana, a terceira en dez días, despois de que nas dúas últimas o xuíz lle impuxese a obriga de comparecer a diario no xulgado.
Dende que pasou por última vez ante o xuíz de garda por un delito de roubo o 15 de agosto, unha circunstancias cambiou na situación persoal deste mozo de 18 anos que acumulan xa unha trintena de antecedentes policiais. Cambiou a súa residencia habitual de Pontevedra a Marín, onde vive tamén a súa nai.
Nesta ocasión, a detención produciuse sobre as 00.30 horas da madrugada na avenida Raíña Victoria de Pontevedra como suposto autor de tres delitos e unha falta de furto cometidos dende principios de agosto en distintos puntos da cidade, con dez días de diferenza entre o primeiro e o último.
Tras pasar a noite e a mañá na Comisaría, esta tarde pasou a disposición do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra, que se encontra en funcións de garda. Chegou ás dependenzas xudiciais ás 17.55 horas e pasou ante a xuiza pasadas as 19.30 horas. Tres horas máis tarde, ás 22.30, seguía dentro do xulgado á espera de que se pronunciase sobre o seu destino.
O primeiro dos delitos que lle atribúe a Policía Nacional remóntase ao 3 de agosto, antes mesmo das súas dúas últimas detencións. Foi sobre as 17.00 horas e supostamente subtraeu un teléfono Iphone 5, unha carteira con 100 euros e outros efectos dun coche aparcado na praza da Verdura. O vehículo tiña as xanelas e o condutor estaba dentro, pero furtoulle os referidos obxectos nun descoido.
Ese mesmo día, pero sobre as 23.50 horas, tería cometido o segundo furto, neste caso, nun establecemento de hostalaría, sito no camiño da Torre. Tamén ao descoido, subtraeu un ordenador portátil, valorado en 550 euros.
O seguinte delito que se lle atribúe produciuse o 7 de agosto sobre as 21.00 horas na avenida de Santa María, de novo nun establecemento de hostalaría. Aproveitando un descoido dun traballador apoderouse duns 700 euros do interior da caixa rexistradora e dun teléfono Samsung Galaxy S2.
O 13 de agosto, sobre as 18.00 horas, tería cometido o cuarto dos furtos. Neste caso nun establecemento de hostalaría da rúa Barón no que, polo mesmo método, se apoderou de 300 euros que había na caixa rexistradora.