Eleccións 26-X: Vanessa Angustia mantén o seu escano no Senado e acompañará os tres candidatos do PP

Pontevedra
27 de xuño 2016

Nestas eleccións do 26-X, os pontevedreses tamén escollemos os catro senadores que representarán á provincia nesta nova lexislatura. E serán, do mesmo xeito que ocorreu no Congreso, os mesmos que saíron elixidos nos comicios de decembro

Resultados das eleccións do 26-X para o Senado en Pontevedra
Resultados das eleccións do 26-X para o Senado en Pontevedra

Nestas eleccións do 26-X, os pontevedreses tamén escollemos os catro senadores que representarán á provincia nesta nova lexislatura. E serán, do mesmo xeito que ocorreu no Congreso, os mesmos que saíron elixidos nos comicios de decembro.

O Partido Popular fixo pleno e os seus tres candidatos lograron escano na Cámara Alta. O cuarto, pola súa banda, volveu a estar en disputa entre En Marea e PSdeG-PSOE, pero finalmente volveuse a decantar polos primeiros e a pontevedresa Vanessa Angustia revalida o seu posto de senadora.

Co escrutinio no 99,38%, Marta Lucio (PP) foi a máis votada na provincia. Logrou o apoio de 196.289 persoas, un 37,85% do total. Séguenlle os seus compañeiros Miguel Fidalgo con 191.847 (36,99%) e o exalcalde de Lalín José Crespo con 191.018 (36,83%).

Pola súa banda, Vanessa Angustia seguirá representando a Pontevedra no Senado grazas aos 123.629 votos recibidos, un 23,84%. queda ás portas o socialista Abel Losada, que se tivo que conformar co respaldo de 117.303 pontevedreses (22,62%).

Os resultados completos pódense consultar na web do Ministerio do Interior.

A nivel estatal, o PP reforza a súa maioría absoluta no Senado. Os populares alcanzan 130 senadores -aos que hai que sumar os que se elixen de forma directa polas autonomías- dun total de 208 que se elixían este 26-J. O PSOE queda con 43, catro menos que en decembro, mentres que Podemos e as súas confluencias suman 16 asentos.