A blindaxe dos servizos públicos e a reactivación económica de Galicia serán dous dos eixos fundamentais da alternativa política que representa José Ramón Gómez Besteiro, que presentou oficialmente a Elena Espinosa como a candidata do PSdeG-PSOE por Pontevedra.
Gómez Besteiro destacou que os socialistas representan o "galeguismo útil" e quere liderar un goberno que "solucione os verdadeiros problemas dos galegos e das galegas e que consiga para o noso país o que ningún outro partido é capaz de conseguir".
Así, defendeu un plan integral de recuperación da Atención Primaria, un plan de choque en materia de vivenda, un pacto polas enerxías renovables, a reindustrialización de Galicia no marco da transición ecolóxica ou un transporte metropolitano "que funcione".
Completar o mapa das infraestruturas galegas é un dos principais compromisos do seu programa de goberno nunha Galicia que debe "seguir camiñando cara á gratuidade da AP-9", e que deberá estar preparada para a posta en marcha dos trens Avril.
O candidato socialista asegurou que o PP "non quere que os galegos e as galegas saiban que temos eleccións o 18 de febreiro" porque, afirmou, "a Galicia durmida é a que lle dá vida ao PP".
Sinalou que o PSOE aposta por candidaturas "feministas, transformadoras e profundamente comprometidas con Galicia", compostas por persoas "con experiencia, ambición e solvencia".
"Todos sabemos que nestas eleccións somos o gran rival do PP”, defendeu Besteiro, que chamou aos socialistas a liderar a mobilización social que repita o respaldo que obtiveron nos pasados comicios locais e xerais, e cos que "Galicia gaña e o PP perde".
Neste acto de presentación, a ex ministra Elena Espinosa, que liderará a candidatura por Pontevedra, animou á cidadanía a "limpar a contaminación política" da Xunta de Galicia e reclamou un goberno socialista que remate co "desprezo" aos alcaldes e alcaldesas do PSdeG.