Elevan a nove os positivos por covid-19 entre o persoal de Urxencias de Montecelo

Pontevedra
06 de outubro 2020

Son xa nove os profesionais sanitarios ao servizo de Urxencias de Montecelo que deron positivo por covid-19. Así o confirmaron desde Sanidade. Todos eles están illados nos seus domicilios e evolucionan favorablemente. Trátase de seis facultativos, un médico interno residente e dúas profesionais de Enfermaría

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo durante la crisis sanitaria do coronavirus
Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo durante la crisis sanitaria do coronavirus / Mónica Patxot

Son xa nove os profesionais sanitarios ao servizo de Urxencias de Montecelo que deron positivo por covid-19. Así o confirmaron este martes desde Sanidade. Todos eles, engade o comunicado oficial, están illados nos seus domicilios e evolucionan favorablemente.

Trátase de seis facultativos, un médico interno residente e dúas profesionais de Enfermaría.

A todos realizáronlles as probas diagnósticas pertinentes que permitiron identificar os novos casos. En calquera caso, Sanidade destaca que os profesionais deste servizo sempre atenderon aos pacientes coas medidas de protección adecuadas para previr a transmisión.

O punto de inicio, segundo a xerencia da área sanitaria, foi o positivo dun médico de Urxencias que se contaxiou fóra do hospital, efectuando con posterioridade unha garda neste centro xunto con outros dous facultativos deste servizo.

Ante este brote, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés está a efectuar cribados preventivos que abarcarán a entre 150 e 160 profesionais das Urxencias de Montecelo.

En total, desde que principiou a pandemia, só oito membros do persoal deran positivo por coronavirus.

A área sanitaria, ademais de proceder a desinfectar a zona concreta, revisará a operatividade e seguridade dos actuais circuítos e a organización da asistencia no servizo de Urxencias, por se fora necesario potenciar algún aspecto, medida de precaución ou delimitación de espazos desta área hospitalaria, que mantén a continuidade asistencial.