Elimínase o dereito de paso ás Galerías durante as obras de demolición do edificio número 3 de Gutiérrez Mellado

Pontevedra
17 de abril 2023

A empresa solicitante deste derrubamento demanda a modificación do proxecto de execución. Se inicialmente tiñan previsto autorizar o paso peonil de acceso ás Galerías da Oliva, agora entenden que non é operativo. Tamén cambia a titularidade da empresa pasando de Hercos Inversiones a Cubreiro. O prazo de execución é de 12 meses e o orzamento supera os 96.900 euros

Unha persoa accede ao portal situado no interior das Galerías da Oliva accediendo por Gutiérrez Mellado Mónica Patxot

Este luns tratábase na Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra os cambios solicitados en relación coa demolición do edificio número 3 da rúa Gutiérrez Mellado. 

En primeiro lugar, cambiou a titularidade na concesión da licenza ao pasar do solicitante inicial, Hercor Inveresiones SL, a Cubreiro SL. 

Pero, ademais, solicítase tamén unha modificación importante dentro do proxecto de execución previsto na demolición do inmoble. Se inicialmente estaba prevista durante as obras de demolición e construción deixar unha servidume de paso para dar servizo ás Galerías da Oliva, agora a empresa elimina este dereito de paso, segundo informaba Anabel Gulías, portavoz do goberno local.

A partir da concesión desta modificación, a empresa solicitante dispón de doce meses para a derriba cun orzamento de 96.906 euros.

Ao tratarse, segundo explicou, dunha licenza que se desenvolve nun espazo privado, o Concello concede a licenza e poñerá en coñecemento das persoas interesadas o cambio no proxecto de execución. A partir de aí, aquelas persoas que se consideren prexudicadas pola decisión deberán realizar unha reclamación a través do Xulgado do Civil. 

"Todo parece indicar que no futuro quedarán sen dereito de paso", avanzou a portavoz municipal, en referencia ao futuro das Galerías a través de Gutiérrez Mellado. En todo caso, lembrou que a empresa deberá realizar aínda a tramitación correspondente para obter a licenza para a construción do edificio.