Elnosa inicia o proceso para desmantelar a súa fábrica en Lourizán

Pontevedra
13 de abril 2020

O grupo Bondalti, propietaria desta factoría, investirá 528.000 euros na primeira fase deste proceso de demolición, que afectará a un espazo duns 13.000 metros cadrados. Terán un prazo de seis meses para facelo

Fábrica de Elnosa en Lourizán
Fábrica de Elnosa en Lourizán / Mónica Patxot

A fábrica de cloro que Elnosa tiña en Lourizán, cuxa actividade cesou hai algo máis dun ano, será desmantelada nos próximos meses. Tras o informe favorable de Medio Ambiente e de Costas, o Concello de Pontevedra concedeu a licenza para realizar estes traballos.

O grupo Bondalti, propietaria desta factoría, investirá 528.000 euros na primeira fase deste proceso de demolición, que afectará a un espazo duns 13.000 metros cadrados. Terán un prazo de seis meses para facelo.

Estas obras de desmantelamento, segundo consta no proxecto presentado, afectará a todas as instalacións salvo o edificio de oficinas, os tanques onde se almacena o ácido clorhídrico, a depuradora, o decantador de salmoira e a rede de augas residuais.

Todos estes equipamentos serán necesarios para poder abordar a posterior descontaminación de todo o chan que ocupaba a fábrica pontevedresa. 

Así, entre outras construcións, demoleranse xa a planta de tratamento, os vestiarios, a zona de lavadora, os talleres, a sala de compresores, a nave de almacenamento de sal e cloro, os depósitos de sosa e todo o sistema de tubaxes, filtros e decantadores.

Previamente, Elnosa xa executou labores para eliminar todo o mercurio destes terreos e retirou os tanques de mercurio, porque a súa presenza sería "incompatible", segundo explicou Carme da Silva, con este proceso de demolición ao ser "altamente contaminante".

En principio, esta primeira fase do desmantelamento afectará a todas as instalacións que están "por riba do solo", detallou Da Silva, que celebrou a "boa noticia" que supón dar este "importante paso" para recuperar a ría de Pontevedra.

Elnosa deberá emitir informes periódicos sobre como avanza o seu desmantelamento e compartir coas autoridades os datos sobre a posible emisión de contaminantes á atmosfera ou ao emisario submarino. Ademais, terá que contactar cun xestor autorizado para o tratamento do amianto ou outros residuos perigosos.

Unha vez se completen estes traballos, engadiu a edil do BNG, haberá que redactar un proxecto para reintegrar estes terreos ao dominio público marítimo-terrestre.