ENCE alerta nun informe interno de verteduras de mercurio á ría procedentes do desmantelamento de Elnosa

Pontevedra
14 de abril 2021

Así o desvela o xornalista Gonzalo Cortizo en elDiario​.es a>citando a un informe asinado polo director territorial de ENCE en Pontevedra, Antonio Casal, e enviado o pasado mes de febreiro á Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Xunta de Galicia. No mesmo advírtese de posibles riscos para a saúde

Fábrica de Ence en Lourizán
Fábrica de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

O complexo industrial de Lourizán ocupado pola factoría de ENCE presenta contaminación por mercurio. 

Así o desvela o xornalista Gonzalo Cortizo en elDiario.es nunha información baseada nun informe interno da compañía pasteira asinado polo seu director territorial en Pontevedra, Antonio Casal, e remitido en febreiro á Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Xunta de Galicia. 

O documento, publicado polo citado medio, asegura que "os resultados obtidos de mercurio nas augas subterráneas son cada vez máis elevados" tras dispararse as medicións nos últimos meses e despois de anos nos que non se localizaba a presenza deste mineral tóxico. Ademais a empresa advirte sobre as consecuencias que o mercurio pode chegar a ter sobre os traballadores e os veciños da zona, que se agravaría no caso de filtración cara á ría afectando as zonas de pesca e marisqueo de Lourizán.

Segundo o texto enviado á Xunta de Galicia, ENCE sinala como culpable da situación a desmantelamento de Elnosa, empresa química que producía cloro a través de mercurio que foi pechada a finais de 2018 ao caducar a súa concesión tras un longo proceso, que incluía un acordo de traslado asinado en 2013 coa Xunta que finalmente non se fixo efectivo. A clorera foi propiedade de ENCE ata o ano 2004.

Explica Gonzalo Cortizo na súa información que desde 2019, ENCE e a Xunta intercambiaron correspondencia sobre a presenza de mercurio no complexo. De feito nun deses informes, cita elDiario.es, reflíctese que "non se comprende como nunha actividade de desmantelamento de instalacións contaminadas non se adoptaron medidas de contención para evitar a afección ao chan lindeiro e ás augas subterráneas nunha zona con influencia mareal e de alta pluviosidade que expón como razoable a posibilidade de que se produzan lixiviados", acusando a empresa que "non se tiveron en conta os riscos que puidesen xerarse en Ence e nos seus traballadores". 

Entre os datos remitidos á Consellería de Medio Ambiente cítase ao informe dunha consultora ambiental que confirma "a presenza de  mercurio en concentracións superiores ao 20 mg/kg", principalmente na zona da factoría de ENCE que linda coas instalacións de Elnosa que seguen en proceso de  desmantelamento.