Elsamex e a Fundación Xoán XXIII fanse co contrato de xardíns de Pontevedra

Pontevedra
27 de xullo 2022

A Xunta de Goberno local do Concello de Pontevedra adxudicou este martes a proposta dos técnicos para que a empresa Elsamex e a Fundación Juan XXIII se fagan co contrato de xardíns, segundo informou en rolda de prensa a concelleira Carme Da Silva

Xardíns de Marescot
Xardíns de Marescot / Mónica Patxot

A Xunta de Goberno local do Concello de Pontevedra adxudicou este martes a proposta dos técnicos para que a empresa Elsamex e a Fundación Xoán XXIII se fagan co contrato de xardíns, segundo informou en rolda de prensa a concelleira Carme Da Silva.

O contrato de consesión deste servizo ten unha duración de catro anos e un custo de 4.058.826 euros. A superficie verde a conservar incrementarase nun 44,1% con respecto ao contrato anterior, ao pasar de 883.999 a 1.251.860 metros cadrados.

Carme Da Silva destacou que finalmente se adxudicou por un 13,6% menos do orzado na fase de licitación.

A empresa Elsamex asumirá o máis importante dos lotes por 3.468.421 euros, é a parte do mantemento de zonas verdes, ao asumir a Xunqueira de Alba, a Illa das Esculturas, toda a zona de Beiramar ata a praia fluvial, a área fluvial do Gafos, Campolongo, Mollavao, os xardíns de Pontevedra Leste ou o barrio de Monte Porreiro.

O segundo dos lotes foi adxudicado á Fundación Xoán XXIII por 590.405 euros. Estaba reservado para centros especiais de emprego ou empresas de inserción laboral que dean traballo a persoas con discapacidade. Terán ao seu cargo o miradoiro de Monte Porreiro, os xardíns da "cidade de pedra", a zona das estacións, a nova pasarela do Doce de novembro ou o parque Amalia Álvarez.

A nova adxudicataria terá que subrogar aos trece empregados que ten agora mesmo Ferrovial, aos que deberá sumar obrigatoriamente outros sete, ata un total de vinte. Outros seis traballadores poñeraos a Fundación Xoán XXIII.

A terceira gran área de zonas verdes e xardíns, a que se corresponde con toda a améndoa central da cidade, incluída a Alameda ou o centro histórico, quedará baixo a responsabilidade dos nove traballadores que integran o persoal municipal de Parques e Xardíns.

O novo contrato inclúe todos os parques urbanos, xardíns, arboledo viario, xardineiras, medianeiras ou rotondas, zonas verdes en colexios ou centros sociais, ou a zona recreativa do parque forestal do Pontillón do Castro.

Unha das súas cláusulas, ademais, permitirá que o Concello poida "reordenar" as áreas para manter e mesmo incrementalas no marco do contrato, aumentando iso si a retribución que tería que recibir a empresa.