Emigrantes retornados do Salnés denuncia novos envíos de reclamacións por parte de Facenda

O Salnés
15 de agosto 2014

Afirman que dende o Ministerio de Facenda se lles reclama por carta o pagamento da débeda principal, sancións e intereses en días previos ao acordo do Consello de Ministros no que se condonan os recargos  

Emigrantes retornados do Salnés
Emigrantes retornados do Salnés

A plataforma de Emigrantes retornados do Salnés denunciou o envío de cartas a afectados por parte da administración de Facenda reclamando o pagamento da débeda principal, das sancións e intereses de demora nos días previos ao acordo adoptado polo Consello de Ministros do 1 de agosto, no que se condonaba o aboamento de sancións e intereses. Na sesión ministerial abríase a partir do 1 de xaneiro de 2015 un período de regularización voluntaria de seis meses.

O colectivo denuncia que un dos afectados recibiu a reclamación dous días antes do acordo do Goberno central. Para a plataforma esta acción reflexa que Facenda "espreme aos colectivos de emigrantes retornados ata o último momento co fin de evitar que estas persoas poidan acollerse ao período voluntario de regularización". Dende este grupo invitan aquelas persoas que recibisen estas notificacións a que se poñan en contacto co colectivo.

Para a plataforma, as decisións adoptadas polo Consello de Ministros son insuficientes xa que "segue pendente a modificación lexislativa para evitar o trato inxusto da lei 35/2006 que discrimina a declaración entre aquelas persoas que perciben unha ou varias pagas independentemente da súa contía".