Este domingo 15 de maio despregouse un segundo continxente na Misión de Adestramento da Unión Europea en Mali (EUTM) despois de seis meses intensos de preparación.
Hoxe iniciouse o despregamento do persoal da BRILAT e doutras unidades do Exército de Terra e de Infantería de Mariña da Armada. No aeroporto de Peinador vivíronse momentos moi emocionantes nesta despedida.
Segundo informou o Ministerio de Defensa, persoal do Grupo de Cabalería Santiago I/12 de Valladolid, do Batallón Zamora I/29, do Grupo Loxístico, Batallón de Zapadores e do Batallón de Cuartel VII son as unidades da BRILAT que se integran neste continxente.
A columna vertebral deste vixésimo continxente constitúese sobre a base do Grupo de Cabalería Santiago, pertencente ao Rexemento de Cabalería "Farnesio" 12, que achega ao redor de 120 efectivos.
Esta primeira rotación de persoal que estará despregado o próximos seis meses en Mali partiu este domingo do aeroporto de Peinador cuns 150 militares, a maioría da BRILAT. Dáse a particularidade de que, por primeira vez na historia das misións internacionais nas que participou a Brilat, un continxente desta unidade relevará a outro procedente da Brigada, que leva despregado en Mali desde finais de novembro pasado.
A operación EUTM Mali é unha misión non executiva, é dicir, sen participación en operacións de combate, que arrincou en 2013 e actualmente estase executando o quinto mandato prorrogado. É unha misión de adestramento e asesoramento a nivel militar e forzas e corpos de seguridade en aspectos loxísticos, operacións, plan, xestión de recursos humanos, así como asesoramento en materia de dereito internacional humanitario e formación sanitaria.
Tamén está orientada á capacitación e mellora do sistema de ensino militar, e durante este quinto mandato ampliouse á capacitación dos países limítrofes como Mauritania, Chad, Burkina Faso e Níxer, os países que forman parte da coalición do G5 Sahel, mostrando o respaldo aos países que integran esta organización e o firme compromiso de España coa paz e estabilidade na rexión.
Ademais destas actividades, o equipo de colaboración cívico-militar finalizou desde novembro moitos proxectos, como a adecuación e melloras en varios centros de ensino e entrega de material escolar, a reparación de varios pozos de auga e o apoio mediante a entrega de material sanitario a 5 centros de saúde da zona. Estas actividades contribúen a manter a boa imaxe que teñen as Forzas Armadas españolas entre a poboación maliana.
Tamén se están levando a cabo numerosas actividades de colaboración con persoal da Misión Multidimensional Integrada de Estabilización das Nacións Unidas en Malí, misión de paz establecida polo Consello de Seguridade en 2013 para estabilizar o país tras a rebelión tuareg de 2012. Este traballo conxunto é vital para evitar que a ameaza terrorista e a violencia sómense a unha dura crise humanitaria e á difícil situación social e económica que se viu agravada aínda máis pola pandemia.