Empezan as expropiacións para a reforma da PO-308 entre o Miradoiro da Granxa e o acceso a Nanín

Sanxenxo
01 de marzo 2019

A Xunta publica este venres no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para a mellora da seguridade na estrada PO-308, entre o miradoiro da Granxa e o acceso a Nanín, en Sanxenxo

Un ciclista na estrada PO-308
Un ciclista na estrada PO-308 / Mónica Patxot

A Xunta publica este venres no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para a mellora da seguridade na estrada PO-308, entre o miradoiro da Granxa e o acceso a Nanín, en Sanxenxo.

Trátase dun proxecto que define as actuacións para a eliminación dun treito de concentración de accidentes, redactado no marco da estratexia que está a desenvolver a Xunta para suprimir os chamados "puntos negros" na rede autonómica de estradas, e no que a Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade prevé investir preto de 530.000 euros. 

Cómpre sinalar que tras a información pública se introduciron no proxecto pequenas modificacións para atender ás solicitudes das asociacións de ciclistas, tendo en conta que o treito obxecto da actuación forma parte dunha ruta ciclista cualificada coma protexida pola Dirección Xeral de Tráfico. Neste sentido, sinalizarase a presencia de ciclistas no tramo e substituiranse os fitos de aresta inicialmente previstos nas interseccións para evitar o aparcadoiro pola ampliación da beirarrúa nos cruces.

As actuacións desenvolveranse no tramo da PO-308 comprendido entre o miradoiro da Granxa ata un pouco antes de chegar a Nanín.

As intervencións previstas consistirán na construción dunha glorieta na intersección coa estrada provincial de acceso á praia de Areas. Neste punto existe un cambio de sentido con carril central de espera que non ten eliminado a accidentalidade da intersección.

Na zona da curva dos Cotos, renovarase o firme, reforzarase a sinalización e balizamento e os sistemas de contención. 

Ademais ampliarase a plataforma da estrada para acondicionar as paradas de bus existentes no treito, para evitar que os autobuses interfiran o tráfico durante as paradas. 

Executarase algún pequeno tramo de senda peonil no espazo ocupado pola cuneta desde as paradas de bus ata o paso de peóns máis próximo. 

Tamén se modificarán as beirarrúas existentes nas interseccións do tramo para adaptalas á normativa de accesibilidade e se reforzará a sinalización de limitación de velocidade e nos pasos de peóns para facilitar a súa percepción.