Unha empresa de Pontevedra construirá a partir de xaneiro o novo pavillón de Monte Porreiro

Pontevedra
13 de novembro 2025

Este novo pavillón deportivo, que estará fundamentalmente dedicado ao tenis de mesa, suporá a reurbanización dun dos espazos centrais do barrio de Monte Porreiro

Proxecto para o pavillón de tenis de mesa de Monte Porreiro Concello de Pontevedra

Construcciones Ramírez será a encargada de facer realidade o novo pavillón de Monte Porreiro. A oferta presentada por esta compañía pontevedresa foi a que obtivo a valoración técnica máis alta na mesa de contratación.

A construtora, que comezará as obras o próximo mes de xaneiro, recibirá case 6,3 millóns de euros, en concreto 6.278.170,24 euros. Son 140.000 euros menos que o prezo que se fixou nos pregos para a licitación deste contrato.

Ademais, Ramírez, segundo informou a tenente de alcalde, Eva Vilaverde, ampliou a tres anos -dous máis dos previstos- o prazo de garantía da obra.

"Esperamos que en pouco máis dun mes, para primeiros de ano, comece a execución da obra", subliñou Vilaverde, que lembrou que deberá estar terminada como máximo en 30 meses, é dicir, dous anos e medio.

Este novo pavillón, que estará fundamentalmente dedicado ao tenis de mesa, foi deseñado polo estudo Uña+Amandi Arquitectos e suporá a reurbanización dun dos espazos centrais do barrio de Monte Porreiro.

Eva Vilaverde, co proxecto do pavillón de Monte PorreiroConcello de Pontevedra

Así, sobre a cuberta do pavillón, cuxa estrutura estará semienterrada, crearase a que será a maior praza pública deste ámbito urbano, un espazo duns 5.000 metros cadrados.

Para a súa construción, tras valorar que se puidese aproveitar o pavillón actual, será necesario derrubalo. No seu lugar habilitaranse os accesos tanto á nova praza, que terá conexións peonís coas rúas Reino Unido e Bélxica, como á propia instalación deportiva.

En superficie, ademais de zonas verdes e unha área polideportiva, haberá unha pérgola duns 800 metros cadrados que servirá como área de estancia para resgardarse do sol ou da choiva.

Xa con respecto ao pavillón, na planta -1 situaranse os accesos do público, unha bancada para 320 espectadores sentados e máis de 200 de pé e a área administrativa do complexo.

Proxecto para o pavillón de tenis de mesa de Monte PorreiroConcello de Pontevedra

Na planta -2, pola súa banda, estará a zona deportiva cunha pista de 1.250 metros cadrados, que terá unha altura de 5 metros e capacidade para instalar, para adestramentos ou competición, até 25 mesas de xogo.

Neste nivel estarán ademais os vestiarios, os ximnasios e o almacén, así como a entrada dos deportistas ás instalacións, que poderán acceder a pé ou a través dun ascensor.

O futuro pavillón, xunto coas máis avanzadas tecnoloxías, estará preparado para que consuma a menor enerxía posible. Contará con placas fotovoltaicas para fornecer electricidade e un complexo sistema de aerotermia para regular a temperatura.