Empresarios chineses interésanse na compra dun terreo na provincia para producir e exportar aceite de camelia

Pontevedra
15 de decembro 2014

Unha delegación de empresarios chineses coñeceron durante a mañá do luns lugares como a Estación do Areeiro e o Mosteiro da Armenteira da man da Deputación, que organizou ademais dúas paradas nunha empresa conservera e unha cooperativa vinícola  

Visita de empresarios chineses á Deputación de Pontevedra
Visita de empresarios chineses á Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

A delegación de empresarios chineses, encabezada polo propietario de Sinomaster Group, Shaowu Huang, está interesada na compra dun terreo na provincia para producir e exportar aceite de camelia e outros derivados cosméticos.

Así o asegurou o propio Huang, un dos homes máis ricos do planeta segundo a revista Forbes, nunha visita á Deputación de Pontevedra.

No Pazo Provincial o presidente da institución, Rafael Louzán, explicoulles "como se está trabajando en la camelia y el sector forestal en Galicia", ademais de dar a coñecer outros produtos galegos como as conservas e o viño Rías Baixas.

Por ese motivo, e ante o interese de posibles investimentos no futuro, a visita guiada que a Deputación ofreceu a estes empresarios chineses non só incluíu a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, tamén lugares como o Mosteiro da Armenteira, a praza cambadesa de Fefiñáns, unha conserveira e unha cooperativa vinícola.

Segundo asegurou Louzán, esta visita chega tralo interese mostrado no Congreso Internacional da Camelia por "conocer cómo se hacen aquí las cosas".

Ademais de aceites, xabóns e cosméticos derivados da camelia, principal obxectivo da visita, o dirixente de Sinomaster Group deixou aberta a posibilidade de establecer vías de negocio adquirindo grandes cantidades de viño albariño e conservas para ser distribuídas polas cadeas de supermercados e alimentación que posúen en China.

Ante esta oportunidade a Deputación revelou que prepara unha misión comercial en China cunha viaxe de empresarios da provincia ao país asiático en 2015 "co fin de levar alí os productos de Galicia".

Sinomaster Group é un conglomerado de 200 empresas de sectores como a alimentación, agricultura, turismo ou telecomunicacións. Entre eses negocios son propietarios de 3.000 hectáreas de terreo con camelias dedicadas á produción de aceite para consumo humano.