O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, reuniuse esta semana con representantes do tecido empresarial do polígono do Campiño para presentarlles o proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-0004 que une Marcón-Pintos-A Reigosa.
A actuación, que conecta unha vía estratéxica entre os municipios de Pontevedra e Ponte Caldelas, contará cun investimento próximo aos 275.000 euros.
Durante o encontro, Domínguez subliñou que a actuación "dá resposta ás carencias trasladadas polos empresarios" da zona industrial.
O vicepresidente provincial enmarcou esta intervención "forma parte da folla de ruta que estamos a desenvolver no Concello de Pontevedra desde a Deputación, cunha política próxima, útil e pensada para dar respostas reais a quen xera actividade económica e emprego na cidade".
O proxecto contempla unha intervención integral nun tramo de 900 metros, comprendido entre os puntos quilométricos 3+300 e 4+200 da estrada EP-0004.
A actuación suporá a reparación e reforzo do firme, o acondicionamento de cunetas e a renovación completa da sinalización horizontal e vertical.
Todo co obxectivo de garantir unha circulación máis cómoda e segura nesta vía.
Domínguez destacou que o proceso administrativo atópase "nunha fase avanzada", e que a adxudicación das obras podería producirse nas próximas semanas, unha vez completados os trámites técnicos e legais establecidos.