En busca de iniciativas para conciliar a vida familiar e laboral

Pontevedra
04 de marzo 2016

Ciudadanos Pontevedra realizará un almorzo de traballo con diversas asociacións locais e outros grupos municipais para debater sobre a conciliación da vida laboral, familiar e de lecer das familias pontevedresas

María Rey, acompañada de Lucía Pedroso e Carolina Hincapié
María Rey, acompañada de Lucía Pedroso e Carolina Hincapié

O grupo municipal Ciudadanos busca formas para conciliar a vida familiar, laboral e de lecer dos pontevedreses. Para iso, conta coa colaboración de varias asociacións locais, entre elas a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) e Mulleres en pé

Así, durante a mañá deste venres 4, María Rey, concelleira de Ciudadanos, xunto con Lucía Pedroso, presidenta de AJE-Pontevedra, e Carolina Hincapié, representante de Mulleres en pé, presentou un almorzo de traballo para o vindeiro martes día 8, coincidindo co Día Internacional da Muller

O obxectivo deste acto informal consiste en tratar de sumar forzas e ideas para "organizar actividades que poidan gozar os nenos e as nenas cos seus pais e nais, e tamén cos seus coidadores", declarou a concelleira da agrupación laranxa; actividades que xa están a demandar os pontevedreses, explicou María Rey.  

Lucía Pedroso manifestaba que é necesario desenvolver actividades deste tipo "máis a miúdo porque parece que só nos acordamos das mulleres o 8 de marzo". Ademais, tamén expuxo que se debe dar visibilidade aos grandes pasos que as mulleres foron demostrando

A representante de Mulleres en pé, Carolina Hincapié, apoia a iniciativa realizada por Ciudadanos, porque entende que se carecen de moitas actividades para nais, pais e coidadores, nas que poidan tamén gozar cos seus fillos, e non só exercer o seu rol de pais. Deste xeito, pódese levar "unha educación aos nosos fogares e a nosa cidade en materia de igualdade de xénero", manifestou. 

Este acto informal será ás 11.00 horas na cafetería San Francisco e espérase que acudan outras agrupacións municipais.