En licitación o servizo da Unidade de Atención a Persoas con Alzheimer do Centro Social de Alende

Umia
23 de decembro 2021

O Concello de Moraña informou este xoves de que a Xunta de Galicia abriu a licitación para contratar este servizo, dotado de 10 prazas e que se centrará na estimulación cognitiva destes pacientes e no traballo en prevención

Casa de Cultura de Alende
Casa de Cultura de Alende

O alzhéimer é a maior causa de discapacidade en persoas maiores. Un 5% da poboación maior de 60 anos o padece, porcentaxe que chega ao 20% no caso de maiores de 80 anos. Moraña non é allea a unha situación clínica que afecta aos maiores dun xeito tan estendido e por iso traballar desde a prevención, ofrecendo servizos de atención de calidade, é fundamental.

Nese sentido, o Concello informou este xoves das xestións que está a realizar a Consellería de Política Social para dotar ao Centro Social de Alende da Unidade Pública de Atención a Persoas con Alzheimer, que terá 10 prazas dispoñibles. O procedemento atópase agora en licitación, polo que haberá que esperar á adxudicación do servizo para poder poñelo en marcha.

O obxectivo deste centro será o de ofrecer servizos de prevención das situacións de dependencia, apostando pola estimulación terapéutica das persoas con alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas. Deste xeito, as persoas responsables de levar adiante o centro utilizarán técnicas dirixidas ao adestramento nas actividades da vida diaria (AVD), axudarán á estimulación cognitiva e ofrecerán terapia ocupacional, atención psicolóxica, logopedia e actividades de lecer e tempo libre.

A Consellería de Política Social realizou unha inversión de 200.000 euros para rehabilitar esta Casa de Cultura de Alende, sita na parroquia de Santa Xusta, e que servirá para acoller esta unidade de atención.

Agora, o alcalde Jose Cela, aspira "a que pronto poidamos iniciar a ofrecer este servizo á nosa veciñanza, xa que consideramos que a atención a estes pacientes é primordial e queremos poder ofrecelo desde Moraña, desde a nosa vila".