En Marea esixe á Xunta a reapertura da delegación da CRTVG en Pontevedra

Pontevedra
15 de novembro 2017

A través dunha emenda que presentará aos orzamentos da Xunta para 2018 En Marea esixe a reapertura da delegación da CRTVG en Pontevedra. En Marea recorda que Pontevedra deixou de ter delegación dos medios públicos en novembro de 2010, hai agora sete anos

Unidades da CRTVG en San Marcos
Unidades da CRTVG en San Marcos / CRTVG

A través dunha emenda que presentará aos orzamentos da Xunta para 2018 En Marea esixe a reapertura da delegación da CRTVG en Pontevedra

En Marea recorda que Pontevedra deixou de ter delegación dos medios públicos en novembro de 2010, hai agora sete anos.

Criticada polo Concello, que reaccionou declarando "non grata" á empresa, foi unha decisión "repentina" da súa dirección, tomada "sen consulta e de costas aos traballadores" e que fixo que a presenza da cidade nos medios públicos galegos "quedase desde entón reducida a mínimos", denuncia o partido que encabeza Luis Villares.

Desde ese momento, Pontevedra, capital de provincia, sede de importantes institucións e cabeceira dunha comarca de 150.000 habitantes, "sofre un evidente agravio comparativo coas outras cidades".

Ademais, En Marea recorda que o peche desas instalacións vulneraba, e segue vulnerando, un dos principios que no seu momento levaron á fundación con cartos de todos os galegos dos medios audiovisuais públicos: a territorialidade.

A lei dos medios públicos de Galicia indica, recordan desde En Marea, que a corporación da CRTVG deberá contar coa estrutura suficiente e necesaria para asegurar o cumprimento da misión de servicio público encomendada e para facilitar a provisión de contidos territoriais na súa programación.

Por iso, para garantir que Pontevedra e a súa área de influencia deixen de ter unha presenza "tan limitada" nos espazos informativos da Televisión de Galicia e rematar cun "agravio que xa dura sete anos", En Marea insta á Xunta á reapertura en Pontevedra dunha delegación con medios e persoal "convenientemente dimensionados".