O Goberno terá que dar explicacións no Congreso dos Deputados pola prórroga da autorización ambiental outorgada pola Xunta de Galicia a Elnosa na ría de Pontevedra.
En Marea rexistrou unha pregunta na que cuestiona qué opinión lle merece ao Executivo en funcións esta medida adoptada de forma "totalmente irregular".
A deputada Ángela Rodríguez sinala que a Xunta ampliou os prazos para o cese de actividade da cloreira ata o 11 de decembro de 2017, algo que considera un "abuso de autoridade" e unha concesión de novo "absolutamente irregular".
"É unha mostra máis de como os intereses económicos e dos de sempre prevalecen por enriba dos intereses da cidadanía e incluso do que a propia xustiza ditamina, un caso que segue a condenar á ría pontevedresa como o de ENCE e a EDAR", afirmou a deputada galega.
Por outra banda, Ángela Rodríguez e a voceira do grupo Alexandra Fernández rexistraron unha proposición non de lei para o seu debate en comisión sobre a estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Praceres coa fin de dar cumprimento ás sentenzas xudiciais contra dita instalación.
En Marea insta ao Goberno a incoar o expediente de declaración de caducidade da concesión outorgada á EDAR, a adoptar medidas para pechar as instalacións que non conten coas autorizacións esixibles e a contribuír á elaboración dun plan para o peche da EDAR e a un proxecto de solución do problema de depuración das augas residuais dos concellos que as envían a Praceres.
Estas iniciativas súmanse ás dúas proposicións non de lei presentadas por En Marea para a anulación da concesión a ENCE de ocupación da ría durante 60 anos máis outorgada polo Goberno en funcións e para a inclusión das especies propias de plantacións enerxéticas como o eucalipto no catálogo de Especies Exóticas Invasoras.