En Marea reclama no Parlamento a recuperación da Carabuxeira e o PP responsabiliza ao Concello

Sanxenxo
19 de abril 2017

O deputado de En Marea por Pontevedra Marcos Cal defendeu este mércores na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento de Galicia unha iniciativa que insta á Xunta a iniciar os trámites necesarios para a recuperación da praia da Carabuxeira e o seu entorno, á reparación das vivendas afectadas e a devolución, desa parte do litoral, ao seu estado anterior á construción do Porto Deportivo de Sanxenxo

O deputado de En Marea, David Cal
O deputado de En Marea, David Cal / En Marea

O deputado de En Marea por Pontevedra Marcos Cal defendeu este mércores na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento de Galicia unha iniciativa que insta á Xunta a iniciar os trámites necesarios para a recuperación da praia da Carabuxeira e o seu entorno, á reparación das vivendas afectadas e a devolución desa parte do litoral ao seu estado anterior á construción do porto deportivo de Sanxenxo.

En Marea denunciou o cambio na dirección das correntes mariñas producidas polo novo dique, que transformaron nun pedregal a praia da Carabuxeira, "afectando non só ao disfrute dos areais se non tamén aos muros, cimentacións das vivendas, instalación e acceso á praia".

Pola súa banda o voceiro de Medio Ambiente do grupo popular, Gonzalo Trenor, lembrou no Parlamento que o Concello de Sanxenxo é o responsable de levar adiante as medidas reparadoras sobre a praia da Carabuxeira, "tal e como se recolle nas resolucións ditadas pola xustiza".

Trenor indicou que "Portos de Galicia limítase a actuar na praia de Carabuxeira seguindo estes ditames xudiciais, que poñen de manifesto que este ente público non é a administración legalmente competente para proxectar nin executar as medidas correctoras que se requiren".

En resposta ao PP, Marcos Cal defendeu que "é a Xunta a que xerou o problema autorizando unha obra deste calibre sen ter en conta os seus efectos sobre as vivendas e a contorna natural".

Na réplica o deputado popular dí que "o Concello de Sanxenxo, como titular da empresa Nauta, é quen ten que executar estas medidas correctoras na praia de Carabuxeira, unha vez que asumiu todas as responsabilidades atribuídas no seu momento á concesionaria, así como as derivadas da súa actuación", subliñou.

En Marea aceptou a emenda do Partido Socialista que propoñía fixar un prazo de reparación dos danos, establecendo como límite o primeiro semestre de 2018, pero a iniciativa foi rexeitada cos votos en contra do Partido Popular.