O deputado de En Marea, Marcos Cal, di que o proxecto de senda peonil e ciclista da Xunta de Galicia para a estrada PO-308 "non contempla melloras de seguridade, nin aumenta o número de pasos peonís, nin conta con medidas de calmado de tráfico e adecuación das velocidades ás propias dunha travesía".
Ademais, para o grupo de En Marea este proxecto "esquece" o problema de estacionamento para os residentes e "límitase" á construción de beirarrúas, "sen adaptarse ao regulamento en materia de seguranza viaria".
"Trátase dun exercicio de lavado de cara que non resolve a maior parte dos problemas desta vía, por iso dende En Marea rexistramos unha iniciativa para instar á Xunta de Galicia a facer as obras necesarias para que cumpra coa seguranza viaria, mellore a mobilidade sustentábel e que a Xunta sexa quen de garantir o cumprimento da normativa nas vías da súa titularidade, e dea resposta a esta reclamación histórica das vilas atravesadas pola PO-308", sinalou Cal.
En Marea lembrou que a plataforma PO-308 leva tempo denunciando que esta estrada de titularidade autonómica que une Poio e Sanxenxo soporta unha elevadísima sinistralidade e reclamando medidas que eviten máis mortes de peóns e ciclistas "que sempre toparon coa negativa do PP", que xa en 2011 votou en contra da proposta de mellora no Parlamento de Galicia, impedindo así a realización destas obras.
"Agora, presionada polos acontecementos, anuncia que vai a comenzar os trámites para realizar as expropiacións pertinentes para construír esta senda peonil de ciclista o cal confirma que Xunta era plenamente competente para acometelas con anterioridade sen a intervención do Concello de Poio", censura Marcos Cal, que cualifica o proxecto de senda ciclopeonil como "unha chapuza de só 2 metros de sección, que a fan insuficiente para o paso de peóns e usuarios de bicicletas".