En novembro... de tapas por Pontevedra

Pontevedra
21 de outubro 2018

Dezasete días, entre o 2 e o 18 de novembro. Son as datas elixidas para unha nova edición de Pontedetapas, o certame gastronómico que busca o mellor petisco que se sirve na cidade. Nel, o público poderá degustar a gastronomía de Pontevedra en pequenos bocados

Pontedetapas 2017
Pontedetapas 2017 / Mónica Patxot

Dezasete días, entre o 2 e o 18 de novembro. Son as datas elixidas para unha nova edición de Pontedetapas, o certame gastronómico que busca o mellor petisco que se sirve na cidade.

O concurso, organizado pola Concellaría de Promoción da Cidade, busca dinamizar o comercio local e o sector da restauración. Nel, o público poderá degustar o mellor da gastronomía de Pontevedra en pequenos bocados.

Os bares e restaurantes participantes poderán presentar unha creación en tres modalidades, pero mantendo a obrigatoriedade da utilización de produtos e materias primas de calidade da gastronomía galega.

Así, poden aspirar a alzarse co premio á mellor tapa tradicional -aquela inspirada nas receitas máis arraigadas e significativas da nosa gastronomía-, á mellor tapa creativa -a máis orixinal e innovadora en sabores, presentación ou técnicas empregadas-, e ao mellor cóctel.

Ademais, de entre todas as tapas e cócteles presentados, o público outorgará mediante votación popular o premio Tapa Pontevedra á proposta que máis represente a esencia gastronómica da cidade.

A Tapa Pontevedra será a que compita en De tapas por Galicia, o certame promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco da comunidade entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas.

O formulario de inscrición para os hostaleiros e as bases do concurso están dispoñibles en www.pontedetapas.eu. A cota de inscrición é de 55 euros por local.