En outubro, hefestízate!

Pontevedra
02 de outubro 2015

Chega outubro e Pontevedra entra no mes Hefesto. O programa municipal co que se busca incluír a discapacidade nas actividades que integran a vida do concello amosará o traballo que levan realizando ao longo de todo este ano cos medios de comunicación, sector no que se centra a temática nesta ocasión

Equipo de radio do programa Hefesto 2015 Concello de Pontevedra

Chega outubro e Pontevedra entra no mes Hefesto. O programa municipal co que se busca incluír a discapacidade nas actividades que integran a vida do concello amosará o traballo que levan realizando ao longo de todo este ano cos medios de comunicación, sector no que se centra a temática nesta ocasión.

O programa Hefesto pretende amosar unha nova imaxe das persoas con diversidade funcional e a través del realízanse actividades innovadoras e incursións en áreas que non son habituais para este colectivo. 

E con este obxectivo na mente, os membros de Hefesto, usuarios das asociacións Amizade, Down-Pontevedra Xuntos, Juan XXIII, Alba, Amencer-Aspace, Asociación de Xordos de Pontevedra "Río Lérez" e ASSEII, realizaron diferentes iniciativas cos medios de comunicación da cidade.

En PontevedraViva serán os protagonistas da nosa edición dixital, mentres que en Radio Pontevedra gravaron jingles e sairán no programa Vermú con SER, en Onda Cero colaborarán nun informativo, na Cadena COPE crearán unha radionovela, no Diario de Pontevedra participarán no suplemento dominical e no Faro de Vigo e na Voz de Galicia publicarán un artigo de opinión. Ademais, acompañarán a varios reporteiros gráficos nun día de traballo.

O traballo de Hefesto durante estes meses previos está sendo coordinado por un grupo de profesionais que están a elaborar unha unidade didáctica destinada a centros de ensino, e conta coa colaboración da área de Comunicación Audiovisual e Publicidade do Campus de Pontevedra, así como dos expertos en redes sociais Manuel Quiroga e Mario Gallego.

Todas estas intervencións véñense gravando para crear un vídeo que se emitirá o vindeiro 3 de decembro, ás 20.00 horas no Teatro Principal onde se celebrará o Día Internacional das persoas con discapacidade.