A Deputación de Pontevedra dá un paso adiante no coidado do benestar emocional dos máis novos con En plan ben, un programa innovador que se porá en marcha en 39 municipios da provincia.
A iniciativa, presentada polo presidente Luís López, está pensada para os centros de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato dos chamados "concellos de reto demográfico", zonas especialmente afectadas polo despoboamento, o envellecemento ou a dispersión da poboación.
Cun investimento de 42.000 euros, o programa busca acompañar á comunidade educativa nun tema cada vez máis importante como é a saúde mental.
Segundo explicou López, o programa xorde tras un proceso de "escoita activa" con colectivos vinculados á mocidade, onde se detectou unha preocupación crecente polo estado emocional dos adolescentes. Atendendo esa idea de ''escoitar para entender e despois atender", que segundo o presidente provincial marca a acción do seu goberno, decidiuse pór en marcha "unha medida que moitos nos demandaban".
O obxectivo de En plan ben é abordar a saúde mental desde unha perspectiva comunitaria, implicando a todos os axentes da contorna educativa: alumnado, profesorado e familias. Para iso, desenvolveranse un máximo de 34 accións en total.
No caso do alumnado, impartiranse obradoiros de 8 horas sobre temas como autolesións, prevención do suicidio, trastornos de conduta alimentaria, acoso escolar, consumo de pornografía e sustancias adictivas. O profesorado, pola súa banda, contará con formacións de 4 horas centradas na promoción do benestar emocional, a detección de sinais de risco e a intervención ante problemas. As familias recibirán obradoiros de dúas horas sobre saúde mental no fogar, comunicación asertiva e convivencia positiva.
Os centros educativos interesados poderán solicitar a súa participación a través da Deputación de Pontevedra.