Duro enfrontamento entre os concelleiros do Partido Popular e do Partido Socialista no concello de Poio pola tramitación dos expedientes urbanísticos por parte do anterior goberno municipal BNG-PSOE-Avante.
A actual concelleira de Urbanismo do Concello de Poio, Rocío Cochón, do Partido Popular, entregou un resumo dos máis de 600 expedientes relacionados con Urbanismo abertos á data das eleccións do 28 de maio, previa á saída do anterior Goberno.
A listaxe, resumido por tipoloxías, inclúe 638 expedientes, dos que 115 eran de licenzas urbanísticas (205); 95 procedementos sancionadores (15%); 83 expedientes de Comunicacións e Declaracións (13%); outro 13% de Protección da Legalidade Urbanística e o resto repartido en distintas tipoloxías.
Cochón destacou "a desastrosa herdanza" na área de Urbanismo que levaba o concelleiro socialista Gregorio Agís, cun "legado" que é "a mellor demostración do fracaso de Gregorio Agís como concelleiro e a mellor explicación do seu fracaso como candidato".
A concelleira do PP afirmou que "baixo calquera análise, Agís foi o peor concelleiro de Urbanismo da historia", xa que "non levaba unha xestión responsable, como demostran os números, e iso levouno a ser o peor candidato posible, xa que se xuntou con outro partido e sacou peor resultado xuntos que por separado".
Cochón subliña que para Agís os 638 expedientes que había en xullo eran "un número normal" e ironiza con que "o portavoz socialista pretende ‘cambiar de opinión’ ou mentir tantas veces como o seu xefe Pedro Sánchez".
Pola súa banda, para o Partido Socialista a sesión plenaria do mes de outubro "serviu para deixar en evidencia as mentiras e a incapacidade de xestión do Goberno de Ángel Moldes e, máis concretamente, da edil de Urbanismo, Rocío Cochón, a quen o grupo municipal do PSdeG-PSOE descubriu manipulando a realidade de maneira flagrante".
O PSOE sinala que Cochón acusou a Gregorio Agís de deixar 600 expedientes "sen resolver" algo que entenden como "insólito que unha dirixente falte á verdade de maneira tan obscena".
"Sabemos que o PP de Poio xoga coa mentira e as medias verdades, pero asegurar que un expediente aberto na plataforma de xestión equivale a estar paralizado ou sen resolver é algo moi grave", xa que, segundo Agís, os expedientes continúan abertos despois do outorgamento de licencia hasta que este conclúa anos despois.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.