Vilaboa ven de sumarse á aplicación "Meu Concello", que facilita á veciñanza trasladar á administración calquera incidencia en tempo real.
Para poder utilizar este novo servizo é necesario descargar a APP "Meu Concello" desde Google Play ou APP Store, seleccionando logo o Concello de Vilaboa.
Para comunicar unha incidencia basta con picar sobre o botón e a APP detecta as coordenadas exactas nas que se sitúa o dano, permitindo anexar foto. Persoal do Concello recibe directamente a incidencia e a aplicación facilita facer seguimento do estado da mesma ata a súa resolución.
Ademáis, o Concello de Vilaboa habilitou unha canle de Whatsapp para facilitar a comunicación coa veciñanza e facerlle chegar de xeito directo información de interese xeral como avisos, alertas, emerxencias, programación cultural, subvencións, entre outras novidades.
Trátase dunha canle unidireccional, na que os datos de todas as persoas están protexidos xa que non se comparten co resto dos contactos. Para recibir as notificacións municipais as persoas interesadas teñen que enviar unha mensaxe por whatsapp co seu nome, parroquia e a palabra ALTA ao número 680454085.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, confía en que esta aplicación de mensaxería masiva contribúa á difusión de temas de interese.
"Whatsapp fíxose un oco tamén entre a poboación de máis idade, á que nos costa máis chegar a través das redes sociais. Un teléfono móbil con estas prestacións está hoxe ao alcance tanto das persoas máis novas como das máis maiores", comentou o alcalde.
Esta nova canle por Whatsapp non permite comunicarse co Concello. Para facelo a veciñanza ten a súa disposición o rexistro físico e o teléfono, a sede electrónica ou as redes sociais, que permiten a interacción coa administración.