Vilaboa remite á Xunta unha proposta para mellorar a seguridade na estrada PO-264

Vilaboa
04 de febreiro 2025

O Concello solicita unha reunión coa Consellería para analizar a alternativa municipal, que recolle a ampliación da calzada e a dotación dunha senda peonil

Estrada PO-264 en Paredes
Estrada PO-264 en Paredes / Concello de Vilaboa

O Concello de Vilaboa vén de remitir á Axencia Galega de Infraestruturas unha proposta técnica que mellore a seguridade na estrada PO-264 en Paredes, vial da rede secundaria e de titularidade autonómica que une Paredes con Arcade na N-550.

Esta estrada autonómica, que é un tramo do antigo camiño real que ía de Tui a Santiago e que nalgún tramo coincide coa ruta portuguesa do Camiño de Santiago, ten unha lonxitude de 400 metros no termo municipal de Vilaboa, no que se concentran 10 vivendas unifamiliares e 4 negocios.

Dando cumprimento a un acordo plenario adoptado pola corporación municipal por unanimidade o pasado mes de decembro, o goberno local solicita tamén unha reunión coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, para estudar conxuntamente a alternativa elaborada polos técnicos municipais e que propón a construcción dunha senda segura para os peóns e aumentar o ancho da estrada.

O alcalde de Vilaboa, César Poza confía en que a Axencia Galega de Infraestrutura asuma a redacción do proxecto para solventar os graves problemas de seguridade que padecen os residentes nesta zona e as persoas usuarias do vial.

"Levamos varios anos denunciando o perigo que entraña este vial e moitas conversas coa Xunta, que é a titular desta estrada, para que tome medidas e solvente a situación", manifestou César Poza.

Dende hai varios anos o goberno local de Vilaboa negocia coa Xunta a resolución das principais carencias deste vial que se centran na inexistencia de itinerarios peonís o que pon en risco a seguridade das persoas residentes neste entorno que se ven na necesidade de camiñar pola estrada; a sección insuficiente da calzada, que provoca atrancos debido ao tráfico pesado que soporta o vial e as deficiencias no estado do firme.

O Concello traslada agora á Xunta unha alternativa para mellorar a seguridade viaria no tramo urbano de Vilaboa deste vial que incluiría a execución dun muro de contención de terras para a eliminación do talud entre a estrada autonómica e a N-550. Esta actuación permitiría ampliar a plataforma, distribuíndose entre a ampliación da calzada e a senda peonil. A memoria recolle tamén a execución dunha pasarela peonil ancorada ao viaduto sobre a vía do tren.

César Poza apunta que calquera actuación nese vial excede as competencias municipais.

"Fixemos unha memoria técnica que identifica con detalle cales son as causas que provocan a inseguridade e peopoñemos unha alternativa, que permita aos peóns camiñar pola beiravía con seguridade e que facilite ensanchar a estrada para evitar bloqueos dos camións pesados. Entendemos que o seguinte paso xa o ten que dar a Consellería e confiamos en que así sexa", conclúe o alcalde.