ENCE afirma que o impacto visual das ampliacións da fábrica de Lourizán será "mínimo"

Pontevedra
13 de xuño 2018

Para a compañía pasteira resulta "sorprendente" agora a preocupación polo impacto visual da fábrica de celulosas mostrada polo Concello de Pontevedra, "dado que está a entorpecer a execución do proxecto de integración paisaxística expondo trabas administrativas que exceden do seu ámbito de competencia", afirman

Proxecto de integración paisaxística da fábrica de Ence en Lourizán
Proxecto de integración paisaxística da fábrica de Ence en Lourizán

A dirección da empresa ENCE asegura que os novos edificios e instalacións que contempla na súa fábrica de Pontevedra "serán incorporados nas actuacións de integración paisaxística que a compañía está a levar a cabo, polo que o seu impacto visual será mínimo".

Para a compañía pasteira resulta "sorprendente" agora a preocupación polo impacto visual da fábrica de celulosas mostrada polo Concello de Pontevedra, "dado que está a entorpecer a execución do proxecto de integración paisaxística expondo trabas administrativas que exceden do seu ámbito de competencia", afirman.

Doutra banda, engaden que ditas ampliacións "non van ocupar de ningún modo terreos protexidos" e destacan que todas as intervencións faranse ao amparo do Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal (PSIS) ao que está suxeito a fábrica de Lourizán e coas debidas autorizacións das administracións competentes.

Ence-Pontevedra lembra que puxo en marcha unha iniciativa "pioneira na industria española" para integrar na paisaxe a fábrica de Lourizán, para o que convocou un concurso internacional de arquitectura que contou coa participación de 102 proxectos. Un xurado formado por prestixiosos arquitectos e expertos en paisaxismo seleccionou como gañador o proxecto "Materia Propia" do estudo Orts-Trullenque.

A compañía xa acometeu a primeira fase do proxecto mediante a introdución de masas de arboledo que rodean o complexo fabril na súa fronte á ría, ademais de reforzar as zonas axardinadas da parcela xa existentes, "que van crecendo a bo ritmo e en poucos anos formarán unha importante barreira vexetal que contribuirá a integrar visualmente a biofábrica ao arboreto de Lourizán que ten ás súas costas", subliñan.