Aos poucos, a produción na fábrica que Ence ten en Pontevedra vai camiño de normalizarse. Tras meses parada debido á falta de auga na conca do Lérez, a factoría pasteira atópase actualmente a un 50% da súa capacidade produtiva.
Así o asegura o presidente do comité de empresa da fábrica, Manuel Rivas Teso.
Ese ritmo de produción púidose alcanzar ao poñer en marcha o proxecto experimental para reutilizar a auga da depuradora dos Praceres en todos os seus procesos industriais.
O abastecemento do Lérez, a pesar de que a Xunta xa levantou a prealerta por seca e o caudal ecolóxico do río cúmprese sobradamente, aínda non é posible.
Os danos que se produciron na tubaxe principal da rede de abastecemento de Ence, que ao quedar sen auga se desprazou por efecto das mareas, impide esta subministración directa.
As obras para ancorar de novo esta tubaxe avanzan a bo ritmo, segundo Rivas Teso, que confía en que "nuns dez días" a fábrica de Lourizán poida estar ao 100% de produción.