Ence emitiu este sábado un comunicado no que asegura que aboou en 2013 un total de 845.563 euros en concepto de canon de saneamento a Augas de Galicia. O importe aboado nos tres últimos exercicios pechados (período 2011-2013) ascendeu a 2,3 millóns de euros.
Neste escrito Ence Pontevedra lembra que dispón da súa propia presa para a captación de auga no río Lérez á altura de Bora. Dispón, ademais, do seu propio sistema de canalización de auga ata o seu Centro de Operacións de Lourizán. Unha vez a auga chega á fábrica de Pontevedra, realízaselle un primeiro proceso de filtrado e depuración para poder empregala no proceso de cocción de madeira para a extracción da celulosa.
"O líquido elemento reutilízase tantas veces como resulta posible e, á fin, é depurado na planta de tratamento de efluentes de Ence". A compañía, indica que "loxicamente, asumiu todos os investimentos para a construción destas instalacións e asume todos os gastos de mantemento", é dicir, a presa de captación, canalización, depuración, entre outros.
"Ademais, e de acordo á normativa vixente, Ence paga un canon de saneamento que en 2013 ascendeu aos 845.563 euros", sinala.
O escrito remata dicindo que o Centro de Operacións de Ence en Lourizán consume hoxe un 43% menos de auga que hai 25 anos. "E iso que, dende entón, o volume de produción de pasta de celulosa totalmente libre de cloro na fábrica galega de Ence se incrementou notablemente. En 1989, en Ence extraíanse e preparaban para exportación unhas 500 toneladas diarias de celulosa de madeira. A produción rolda hoxe as 1.250 toneladas ao día".