A empresa Ence anunciou que recorrerá ante o Tribunal Supremo a sentenza da Audiencia Nacional que anulou a prórroga concedida á súa fábrica de Pontevedra e advertiu que esgotará "todas as vías xurídicas" para defender a legalidade da súa autorización, que lle facultaba para ocupar terreos de Costas ata 2073.
A Audiencia Nacional determinou que a fábrica pasteira desenvolve unha actividade que, pola súa natureza, pode ter unha localización distinta do seu actual emprazamento e, en base á Lei de Costas, anula a concesión que lle outorgara o Goberno de Mariano Rajoy.
Nun comunicado, a compañía asegura manter un "respecto absoluto" ás resolucións xudiciais, pero engade que está en "desacordo" coa decisión do tribunal, polo que continuará litigando "en defensa dos nosos intereses".
Ence defende que a concesión para a súa fábrica de Pontevedra foi "acorde a dereito" e aprobouse "en cumprimento estrito da legalidade", durante 50 anos, máis outros dez adicionais vinculados a investimentos en materia ambiental e operativa de 71 millóns de euros.
Ademais, a compañía comprometeuse a desenvolver un programa de investimentos en Galicia por outros 47 millóns de euros, e a implementar un plan social en Pontevedra de tres millóns ao ano, a repartir entre entidades sociais, culturais ou deportivas, nos 60 anos de concesión.
A empresa afirma que a decisión da Audiencia Nacional supón un "duro golpe" para o emprego e a economía de toda Galicia, xa que lembra que a súa actividade convértena nunha das "principais industrias" da comunidade galega.
Ence dispón dun persoal fixo duns 400 empregados, aos que a compañía suma 2.700 postos de traballo noutros sectores industriais, loxísticos ou de transporte; e outros 2.100 empregos no sector forestal de Galicia.
Respecto da súa factoría en Pontevedra, a compañía reitera que cumpre "sobradamente" con toda a lexislación ambiental e que todo o seu ciclo produtivo promove a utilización da celulosa, un material "reciclable, biodegradable e sustitutivo dos derivados do plástico".
A súa actividade, engaden desde Ence, está "aliñada" coa transición enerxética, ao autoabastecerse en enerxía renovable, e coa economía circular e os "residuos cero".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.