Ence restaurará case 700 hectáreas de plantacións de eucalipto degradadas

Pontevedra
10 de agosto 2017

Os traballos forman parte dunha iniciativa que a compañía lanzou en 2016, co obxectivo de restaurar plantacións de eucalipto danadas por incendios, pragas, inclemencias climáticas ou outras situacións nas que o propietario necesitase axuda e investimentos para a súa óptima xestión

Eucaliptos
Eucaliptos / Mónica Patxot

Ata o momento, Ence pechou contratos con preto de 20 propietarios, moitos deles comunidades de montes, que supoñerán a restauración de case 700 hectáreas de plantacións de eucalipto degradadas.

A proposta de xestión de masas forestais de Eucalyptus Globulus que Ence está a realizar ás comunidades de montes de Pontevedra e A Coruña, como no caso de Vilagarcía de Arousa, vai destinada a superficies forestais de eucalipto xa existentes que conten con pouca xestión, ou resultasen danadas por incendios, pragas ou inclemencias climáticas.

Segundo informan dende a empresa pasteira, trátase dunha iniciativa co obxectivo de "reactivar a produción e reducir o risco de incendio" que estes posúen ao deixar de estar coidados, ademais de "crear riqueza para os propietarios forestais unha vez recuperados".

A execución das labores de mellora realizarase nunha parte dos montes veciñais, tendo en todo caso os comuneiros a posibilidade de dedicar o resto dos montes aos usos e destinos nos que teñan interese. O desenvolvemento deste proxecto non implica o aumento de superficie forestal dedicada ao cultivo de eucalipto, senón "a mellora do estado sanitario e a produtividade dos que están en peor estado".

A empresa está a levar a cabo unha labor informativa sobre o Proxecto nas comunidades de montes do Concello de Vilagarcía e arredores.