Ence solicita oficialmente unha prórroga para seguir en Lourizán máis alá do 2018

Pontevedra
06 de decembro 2013

O Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño xa recibiu a solicitude da prórroga da dirección do grupo ENCE para a permanencia da súa fábrica de Lourizán máis alá do fin da actual concesión que vence no ano 2018

A continuidade de Ence "será unha decisión global baseada nun montón de factores" /
Fábrica de ENCE en Lourizán
Fábrica de ENCE en Lourizán

O Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño xa recibiu a solicitude da prórroga da dirección do grupo ENCE para a permanencia da súa fábrica de Lourizán máis alá do fin da actual concesión que vence no ano 2018.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, referiuse este venres a esta solicitude e declarou que "no seu momento a Xunta emitirá a súa opinión despois de falar coa empresa", reiterando que esta opinión, "que non lle quepa dúbida", será tida en conta polo Goberno.

Rueda indicou que o informe será elaborado "tendo en conta ás circuntancias que hai neste momento" e dito isto engadiu que "Ence ten que ter moi claro que nas condicións nas que está agora non seguiría, haberá que falar e negociar e xa veremos no seu momento o que sexa procedente".

"Outra cousa" recordou, é a tramitación da Autorización Ambiental Integrada que está sobre a mesa da Consellería de Medio Ambiente, "xunto a outras trescentas, a de Ence é unha máis", algo que subliñou "nada ten que ver coa prórroga".

A continuidade de Ence "será unha decisión global baseada nun montón de factores"

Na decisión da Xunta sobre a continuidade da fábrica pastera na ría de Pontevedra terá que ver "unha serie de factores e non só cuestións medioambientais", dixo o vicepresidente autonómico, nas conversas previas á emisión do informe "todo iso se irá sabendo", sinalou "pero dende logo será unha decisión global baseada nun montón de factores porque está claro que a permanencia da fábrica en Pontevedra ten incidencia ambiental pero tamén noutros moitos factores que estou seguro que todos coincidimos en que deben ser tidos en conta", concluíu.

Entre eses factores encóntranse o Plan Industrial xa presentado pola pastera que contempla a construción de tres plantas de biomasa en Galicia, xunto ao seu proxecto de integración visual no ámbito. Mesmo outras iniciativas como os investimentos en I+D+i para rematar coa praga do gurgullo ou a cesión de enerxía sobrante ás empresas do Porto de Marín.

O prazo máximo para a elaboración deste informe é o da propia renovación da concesión, polo tanto o horizonte segue situado no 2018.