Ence Enerxía e Celulosa manifesta o seu "rexeitamento" ante o "inesperado cambio de criterio" por parte da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar. O Estado decidiu achandarse nos tres procedementos que se seguen na Audiencia Nacional e pretenden que se anule a resolución que o goberno de Mariano Rajoy, xa en funcións, concedeu o 20 de xaneiro de 2016 para prorrogar ata 2073 da concesión para ocupar os terreos de Lourizán.
Para a dirección de Ence, esta decisión da Administración Xeral do Estado é "contraria ao ordenamento xurídico" e implica un "cambio arbitrario" no criterio que mantivera durante todo o procedemento. A continuación, explica que este cambio hai que entendelo "en clave electoral" e supón unha "falta de respecto" cara a todos os implicados.
Para a empresa resulta "sorprendente" que o Goberno dea agora "argumentos contrarios aos que defendeu ata a data", cando ata hai pouco defendía a "absoluta legalidade" da orde ministerial que outorgou a prórroga da concesión de Ence.
A compañía advirte que vai utilizar todas as vías xurídicas para defender a validez da prórroga da concesión da súa fábrica pontevedresa, cuxo proceso de renovación seguiu "escrupulosamente", engade Ence, o procedemento establecido pola Lei de Costas vixente.
Esta decisión "quere ser anulada", segundo a empresa, por "intereses de parte e acordos políticos", en contra dos "dereitos e intereses" dos seus traballadores, provedores, accionistas e de "todo o sector forestal" do noroeste de España.
Se este achandamento é aceptado polos tribunais, engade a empresa nun comunicado, supoñerá unha "forte destrución de emprego" en toda Galicia, xa que aseguran que da súa fábrica en Pontevedra dependen de maneira directa e indirecta máis de 5.100 familias e esta xera o 50% do tráfico no Porto de Marín.
Ence lembra ademais que, coa concesión da prórroga, comprometeuse a acometer investimentos por 71 millóns de euros, das que están realizadas máis de 40 millóns e comprometidas outros 10 millóns, ao que suma un programa de investimentos en Galicia por outros 47 millóns de euros e un plan social en Pontevedra de 3 millóns ao ano.
No plan estratéxico 2019-2023, presentado o pasado mes de novembro, Ence anunciou tamén un investimento de 350 millóns de euros durante o seguintes cinco anos en Pontevedra, o que segundo a empresa xeraría aínda máis emprego. Ademais, defende a súa actividade actual ten os "máis altos estándares" de responsabilidade ambiental e os parámetros das súas plantas melloran "amplamente" as máis "esixentes" normas e autorizacións ambientais europeas e españolas.