A carpa de Nadal instalada en Talo Río acollerá o próximo 13 de decembro o I Encontro Inclusivo de Soutomaior.
É unha iniciativa coa que Soutomaior quere visibilizar a necesidade de normalizar as diferentes capacidades que temos as persoas "sen que estas estean estigmatizadas e sexan cuestionadas".
"Será un espazo para encontrarnos e traballar a partir das diferencias e da igualdade de oportunidades para todas as persoas", destacou o alcalde, Manu Lourenzo, na súa presentación.
A xornada contará con entidades cunha ampla experiencia no eido da diversidade que compartirán cos asistentes os traballos que realizan.
Entre elas, estarán Celta Integra, a Fundación Celta, Amicos, Asdivalu, Contaz, Lengua de signos ou Andaina.
Durante todo o día tamén haberá actividades inclusivas deseñadas por estas entidades, "moi divertidas e interactivas" para todas as idades e públicos.
Unha delas serán os minixogos de Celta Integra coa súa experiencia en fútbol adaptado que leva a cabo o equipo inclusivo do club.
A ela sumaranse os xogos variados de Amicos, o contacontos 'A maleta' no que conviven a lingua oral e a de signos co equipo de Contaz ou o espectáculo de circo da Fundación Igualarte, no que participan persoas con diferentes capacidades.
Desde o goberno municipal queren que a cidadanía participe en actividades nas que o benestar das persoas é o epicentro "independentemente das súas capacidades", para camiñar cara a unha cultura "accesible e inclusiva real" aplicada a contextos deportivos, lúdicos ou sociais.