Enfado da oposición co goberno local de Poio por ignorar as súas alegacións á ordenanza da auga

Poio
19 de xullo 2025
Actualizado: 12:42

O BNG lamenta que o Concello de Poio "aplique o rodete" e o PSOE denuncia que o goberno municipal "impón unha ordenanza inxusta e antisocial"

Pleno do Concello de Poio
Pleno do Concello de Poio / Concello de Poio

Os grupos municipais do BNG e do PSOE no Concello de Poio fixeron público o seu enfado co goberno local do Partido Popular por ignorar as súas alegacións á ordenanza reguladora da prestación dos servizos de abastecemento de auga e da rede de sumidoiros.

O BNG lamenta que o Concello de Poio "aplique o rodete" e aprobe as novas taxas da auga "defendendo só os beneficios da empresa en lugar das necesidades e economías da veciñanza".

A voceira Marga Caldas critica que o goberno do alcalde Ángel Moldes desestima as bonificacións e rebaixas reclamadas polo Bloque "cos argumentos da concesionaria".

Sinalan que as explicacións para rexeitar todas as propostas céntranse no informe emitido pola concesionaria, a empresa ‘PW Advisory & Capital Services SL’.

"En lugar de buscar fórmulas para evitar un ‘taxazo’ que vai duplicar o recibo, prégase ante os intereses da nova concesionaria só falando da súa viabilidade e de evitar futuros desequilibrios económicos nas ganancias empresariais", subliña Marga Caldas.

Ademáis a nacionalista reprocha que se acuse de malgastar auga ás persoas que teñen pozo.

Pola súa banda, o PSOE de Poio denuncia que o goberno municipal "impón unha ordenanza inxusta e antisocial" para o servizo de auga e sumidoiros.

Aseguran os socialistas que a nova ordenanza "vai impoñer un encarecemento brutal".

"A ordenanza consolida unha subida tarifaria escalonada e electoralista, con incrementos mínimos ata as eleccións e un forte encarecemento logo das mesmas que castigará duramente o peto dos veciños", asegura Gregorio Agís, portavoz do grupo municipal socialista.

"A subida suporá máis de 800.000 euros anuais que van ter que soportar os veciños", engade Agís.