O novo contrato de auga do Concello de Poio inclúe investimentos para ampliar a rede de saneamento e abastecemento de auga en lugares que a día de hoxe continúan carecendo destes servizos básicos ou cuxas redes están moi obsoletas.
Así, destinará 15,4 millóns de euros para mellorar estes servizos en varios lugares do municipio.
O goberno local dará prioridade ás zonas de Vilariño e Fragamoreira, dous núcleos importantes de poboación que carecen de saneamento e abastecemento de auga, así como á zona da Caeira, onde as roturas son constantes debido ao mal estado da rede.
Segundo o cronograma que se inclúe, estes investimentos realizaranse ao longo dos catro anos iniciais do contrato. Así, no primeiro ano investirase 4,6 millóns de euros para dotar de servizos a Vilariño-Fragamoreira, nas rúas San Antoniño, Río Miño e Illa de Ons.
No segundo ano, o investimento superará o 3,4 millóns de euros, para mellorar as redes na Bouza (Samieira), na rúa Illa de Tambo, nos camiños Lubiáns, travesías 2ª e 3ª de Lubiáns, Fogueteira e Campo Loncras, na marxe esquerda da PO-308 entre Covelo e Combarro; no camiño de Bocas e avenida de Colón ou rede de pluviais en rúa Coruxa e camiño Real do Casal.
No ano tres, destinaranse 2,3 millóns de euros para mellora do camiño Os Mouchos, da Cachada, travesía de Lubiáns, camiño Monte do Cura, na marxe dereita da PO-308, entre Chancelas e Raxó, na PO-308 entre o cemiterio e o Remo e a avenida da Praia.
Por último, no cuarto ano, o investimento a realizar ascende a 1,3 millóns de euros, entre as que están enlace da Escusa e Río Mouro co saneamento existente, rede de saneamento na Escusa, en río Mouro e Río Mouro pequeno.
Todas estas son actuacións de obrigado cumprimento no novo contrato e, a maiores, entre as melloras incluirase tamén o novo depósito ETAP e conexión no Sartal, cun orzamento de 3,8 millóns de euros.
"Co novo contrato de auga, non só regularizamos unha situación que resultaba insostible e precaria desde hai xa moito tempo, senón que tamén estamos ofrecendo solucións e dando resposta a carencias históricas en zonas rurais con gran poboación que, a día de hoxe, continúan sen ter conexión de saneamento e abastecemento de auga ás súas vivendas", destaca o alcalde, Ángel Moldes.
O estudo que se vai aprobar no próximo pleno municipal trata de analizar a viabilidade de xestión indirecta do servizo de abastecemento de auga potable e rede de sumidoiros, a través dun contrato de concesión de servizos.
A través do documento, descríbense as instalacións de abastecemento e rede de sumidoiros de Poio, destacando aqueles aspectos máis característicos do servizo, identificando o esquema de funcionamento hidráulico do servizo de abastecemento de auga potable, as fontes de subministro, o tratamento, o sistema de almacenamento e de bombeo. E poñendo tamén o foco naqueles problemas que hai actualmente na rede de saneamento e abastecemento e aos que é prioritario ofrecer unha solución.
Una vez aprobado en pleno este estudo de viabilidade, abrirase un prazo de exposición pública, redactarase unha estrutura de custes e aprobarase unha ordenanza non fiscal e, no caso de que non haxa ningunha reclamación, aprobarase de xeito definitiva para sacar a licitación o contrato da auga do Concello de Poio.