As rúas do centro histórico foron escenario dun enfrontamento multitudinario entre ultras do Pontevedra CF e da Cultural Leonesa que, co partido de fútbol como escusa, protagonizaron varias pelexas.
Na Praza de Celso García de la Riega e na rúa Cousiño houbo pelexas multitudinarias nas que, polo menos, unha persoa resultou ferida, tendo que ser atendida polo persoal dunha ambulancia do 061.
A Policía Local e a Nacional despregaron a numerosos axentes na zona para controlar a situación e garantir a orde pública. Fontes oficiais da Comisaría Provincial confirmaron o reforzo na presenza policial tanto na cidade como esta tarde no Estadio de Pasarón, adiantando así o dispositivo previsto.
Segundo explicaron fontes oficiais da Policía Local de Pontevedra os afeccionados da Cultural Leonesa atópanse concentrados na rúa Arcebispo Malvar e zona da Praza do Peirao baixo a vixilancia policial que, ás cinco e media da tarde, conduciraos escoltados ata o estadio.
A Cultural Leonesa emitiu un comuniciado condenando os feitos: "La Cultural y Deportiva Leonesa condena enérgicamente los hechos violentos acontecidos en las horas previas a la disputa del partido de este sábado contra el Pontevedra CF. El club rechaza cualquier tipo de violencia en el mundo del fútbol y lamenta que este tipo de acontecimientos se sigan produciendo entre personas que utilizan el deporte con fines alejados completamente de sus valores. Su actitud no representa a los verdaderos aficionados que sabes disfrutar de manera saludable del fútbol".
Nas redes sociais están a compartirse vídeos e imaxes destas pelexas.
