O veciño da Lama, Germán Piñeiro, enfróntase ao pagamento dunha multa de 200 euros (20 días a razón de 10 euros diarios) como autor dunha falta de ameazas. Está acusado de supostamente ter intimidado o concelleiro do PSdeG-PSOE neste municipio, Enrique Vaqueiro, a través do Facebook da súa moza con facerlle unha gravata colombiana, isto é, unha brutal forma de tortura que consiste en cortar a gorxa a alguén, sacarlle a lingua por aí e deixala colgando.
O acusado e a súa presunta vítima acudiron este mércores ao Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra para un xuízo de faltas no que se ratificaron nas versións dos feitos que mantiveron no seu día, en febreiro deste ano. Tras escoitar ambos os dous, o fiscal formulou acusación por falta de ameazas mentres que a avogada defensora de Germán Piñeiro pediu a libre absolución.
Enrique Vaqueiro presentou denuncia polos feitos xunto á súa noiva, Tamara Pacheco. Ambos os dous relataron ante o xuíz que todos os feitos se lles levaron a presentar a acudir á Garda Civil e, máis tarde, ao xulgado, desencadeáronse "con la publicación de unas declaraciones mías en PontevedraViva. La noticia empezó a circular y la gente la compartió en el facebook".
En concreto, refírese a unha noticia publicada o martes 19 de febreiro neste xornal na que Vaqueiro denunciaba que o tenente de alcalde da Lama e irmán do agora acusado, Juan Carlos Piñeiro Teodosio, cobrou "ás agachadas" a paga extra de nadal á que publicamente renunciara.
A noticia deu moito que falar nos días seguintes, xerou desmentidos e cruces de acusacións políticas e derivou no citado comentario de Facebook que Enrique Vaqueiro e Tamara Pacheco consideran "fuera de tono". O propio Germán Piñeiro recoñeceu que o publicou no muro da rapaza porque "ya hace tiempo que no soy amigo de Enrique en el Facebook" e é o seguinte: "CON QUE MIRE OUTRA MERDA NO FACEBOOK FALANDO DE MEU IRMAN O QUE FALE BOULLE FACER UNHA CORBATA COLONBIANA ASIQUE VEDE E CALADE GILIPOLLAS".
O fiscal ve claro que estes feitos son constitutivos dunha falta de ameazas, pero a avogada defensora cre que esa suposta ameaza non é tal, senón que é unha afirmación en xeral non dirixida a ningunha persoa en particular. Ademais, atribúe esa publicación nas redes sociais a un "arrebato" propio dun momento de "enfado".
Pola súa banda, Germán Piñeiro defendeuse porque "no pensé que llegásemos a este extremo" e xustificou ter realizado distintas afirmacións a través das redes sociais porque "se estaban metiendo con mi hermano" e non o podía permitir.
Tras coñecer a acusación do fiscal, Germán Piñeiro rexeitou facer valoracións. Enrique Vaqueiro si falou e confía en que o irmán do edil do PP remate condenado porque os enfrontamentos con el non se remataron, senón que "el sábado tuve ya otro problema similar" e el "lo único" que quere é "que nos dejen en paz a mí, a mi novia y a mi familia" e que na Lama "se pueda hacer oposición de forma pacífica".
Ademais, na súa opinión, "lo que tiene que hacer el PP es suspender de militancia a este señor, si es que es militante".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.