A residencia de maiores que a Fundación Amancio Ortega contruiu no barrio da Eiriña e que, no seu remate, foi entregada á Xunta de Galicia, será xestionada por unha entidade privada.
Así será despois de que, na súa reunión semanal, o goberno galego autorizara iniciar os trámites para contratar a xestión do funcionamento integral desta nova residencia que, unha vez abra as súas portas, ofertará un total de 120 prazas.
A duración inicial do contrato será de dous anos, ata abril de 2027, e será prorrogable por outros tres. O orzamento base de licitación será de 6,3 millóns de euros.
Será un procedemento aberto tanto a entidades sociais como a empresas especializadas no sector dos coidados, segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Deste xeito, a administración autonómica dá un novo paso para a entrada en funcionamento deste centro, que a Fundación Amancio Ortega entregou o pasado mes de outubro.
A residencia de maiores da Eiriña, recordou Rueda, conta cunhas instalacións "modernas e punteiras" que inclúen unha unidade especializada nos coidados a persoas con alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.
Ademais, este equipamento "de enorme calidade" dispón tamén de servizos específicos de rehabilitación, fisioterapia ou podoloxía, entre outros.
Tras este acordo do Consello da Xunta, o anuncio de licitación publicarase na plataforma de Contratos Públicos de Galicia e no Diario Oficial da Unión Europea.
Concederase un prazo de 30 días naturais para a presentación de ofertas.