Entra en funcionamento unha canle directa dos Servizos Sociais en Pontevedra

Pontevedra
03 de marzo 2024

Trátase dun programa piloto que pon en marcha a concellaría de Benestar Social e que está formado por un número de teléfono directo e un enderezo electrónico para dar información e asesoramento no eido social

Anabel Gulías, concelleira de Benestar Social Juan Manuel García

A partir deste luns 4 de marzo poñerase en marcha desde a concellería de Benestar Social, que xestiona Anabel Gulías, unha canle directa de información xeral para que as persoas que o precisen realicen consultas nos servizos sociais.

Consiste nun programa piloto de información e asesoramento rápido sen necesidade de solicitar cita no departamento de servizos sociais.

O teléfono de información xeral no terreo social é o 986.848.334 e permanecerá operativo entre o luns e o venres en horario de 09.00 a 13.00 horas, salvo en xornadas festivas.

Tamén se establece un correo electrónico para consultas: informacionsocial@pontevedra.eu

Anabel Gulías indica que "este teléfono será un primeiro contacto para pedir información e asesoramento, ou que nos vai permitir optimizar moitísimo ou traballo e camiñar cara a unha mellor atención".

O servizo de información non é para solicitar citas nin abre expedientes de actuación. O traballo previsto é informativo e orientador dos pasos para seguir para solicitar a axuda que precisen as persoas que chamen e, se é necesario,será derivado a unha atención personalizada.

O persoal de Benestar Social afronta a diario casos de dependencia, coidados de maiores, violencia de xénero, inclusión, asistencia de menores e apoio familiar ou axudas de emerxencia, entre outros.

A concelleira sinala que unha vez que se avalíen os datos do contido das chamadas estableceranse mecanismos para mellorar e axilizar o traballo dos servizos que se encargan destas tarefas.