A entrada do Colexio de Campañó gaña en seguridade co remate das obras na estrada PO-531

Pontevedra
12 de xuño 2025

A conselleira, María Martínez Allegue, visitou este xoves este "proxecto transformador" que sinalou coma "un claro exemplo da importancia de investir nas infraestruturas viarias"

Visita á mellora da seguridade viaria na estrada PO-531 ao seu paso por Campañó
Visita á mellora da seguridade viaria na estrada PO-531 ao seu paso por Campañó / PontevedraViva

A Xunta vén de rematar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada PO-531 ao seu paso por Campañó, nas que a Administración autonómica investiu un orzamento de 862.000 euros.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á alcaldesa de Pontevedra en funcións, Eva Vilaverde, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e membros da corporación municipal visitaron este xoves a actuación realizada.

A intervención desenvolveuse nun tramo de medio quilómetro da citada estrada que conecta Pontevedra con Vilagarcía de Arousa, á altura do colexio de Parada Campañó.

En concreto, no treito entre o cruce coa estrada PO-310 e o cruce coa variante norte de Poio (VG-4.8), co obxectivo de contribuír á mellora de seguridade, especialmente para os peóns. 

Visita á mellora da seguridade viaria na estrada PO-531 ao seu paso por Campañó
Visita á mellora da seguridade viaria na estrada PO-531 ao seu paso por Campañó   PontevedraViva

A conselleira destacou o resultado da actuación, que definiu como "un proxecto transformador" e "un claro exemplo da importancia de investir nas infraestruturas viarias" para garantir a seguridade e a mobilidade sostible.

Pola súa banda, Eva VIlaverde destacou que "para o Concello de Pontevedra é unha obra moi importante, moi querida", especialmente porque coa reforma "garantimos a seguridade para os peóns e o feito de estreitar os carriles e facer as rotondas supón un calmado de tráfico importantísimo e imprescindible nesta zona". 

Estrada PO-531 ao seu paso por Campañó
Estrada PO-531 ao seu paso por CampañóPontevedraViva

As actuacións realizadas incluíron a execución de glorieta de 32 metros de diámetro para favorecer as manobras de cambio de sentido, calmar o tráfico e mellorar a seguridade viaria deste tramo, así como a mellora das principais interseccións con outros viarios como a PO-310, o viario municipal de acceso ao colexio de Campañó. Tamén se renovou a capa de rodadura da calzada en todo o trazado.

E, para facilitar a mobilidade peonil nesta contorna, executáronse sendas peonís en ambas marxes da estrada para garantir eses desprazamentos seguros dos escolares. Tamén se acondicionaron as 3 paradas de autobús existentes e dúas zonas de aparcamento para dar servizo ao centro educativo.

Rotonda que conectará coa Variante de Alba
Rotonda que conectará coa Variante de Alba  PontevedraViva

A nova rotonda contruída nesta estrada enlazará coa futura Variante de Alba. A conselleira sinalou que "previsiblemente, non será suficiente" para que dea cabida a esta nova infraestrutura "pero unha vez que este rematado todo o procedimento ambiental, todo o procedimento de tramitación e de informes sectoriais correspondentes será cando se vexa". 

A conselleira conta con que nun prazo de tres anos se poda completar todo o proceso antes de empezar a construción da Variante de Alba, que necesitará ter aprobadas a avaliación ambiental simplificada, os informes sectoriais, ser sometida a información pública, levar a cabo as expropiacións, entre outros trámites.

A día de hoxe a Xunta está a traballar no proxecto de trazado desta variante.

Martínez Allegue lembrou que a Administración autonómica está a transformar os accesos dos viarios autonómicos a Pontevedra. No caso da citada estrada PO-531 a Xunta vén de actuar nos últimos dez anos con investimentos por 5,3 millóns de euros entre Pontevedra e Curro, para melloras da seguridade viaria no acceso ao polígono de Sequeiros, na Devesa, para sendas como a da Devesa ou reforzos de firme. 

Ademais actúase na PO-308 a Poio e Sanxenxo, na PO-546 (estrada vella a Marín), en Xeve (PO-223 e PO-224), ou cos reforzos de firme que se levarán este verán na PO-532 e PO-542.

Un dos aparcadoiros habilitados ao pé da PO-531
Un dos aparcadoiros habilitados ao pé da PO-531  PontevedraViva

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora