Entramos en días de risco de ataques de avespa velutina pola presenza de niños ocultos

Barro
19 de maio 2026

O Concello de Barro publica unha serie de pautas a adoptar durante os traballos agrícolas e forestais coincidindo co cambio de estación

Niño de ‘vespa velutina’ ou avespa asiática Claude Alleva en Pixabay

O Concello de Barro emitiu un aviso dirixido á poboación co obxectivo de previr picadas e incidentes derivados do contacto accidental con niños de avespa velutina.

As autoridades locais explican que o final da primavera e o transcurso do verán constitúen os períodos de maior risco para os operarios e particulares que realizan tarefas no monte ou nas explotacións agrícolas.

A presenza de niños ocultos na maleza, no chan ou nas árbores pode provocar reaccións defensivas nos insectos ante labores cotiás.

O uso de maquinaria, os golpes accidentais ou o propio ruído dos motores actúan como desencadeantes de ataques inmediatos por parte desta especie.

O protocolo difundido polo consistorio recolle varias pautas técnicas para minimizar os riscos durante as xornadas de traballo no sector primario:

  • Inspección previa: Realizar un recoñecemento visual detallado do terreo, árbores e silveiras antes de iniciar calquera actividade manual ou mecánica.

  • Labores de roza: Manter a vixilancia ante o movemento de insectos e deter a actividade de xeito inmediato en caso de detectar movementos sospeitosos.

  • Organización: Evitar a realización de traballos en solitario en zonas illadas e comunicar a localización exacta a outras persoas.

  • Vestimenta: Utilizar pezas grosas que cubran a totalidade do corpo, tendo en conta que os tecidos convencionais non impiden as picadas e que a protección total só se logra con traxes especializados.

A campaña informativa lembra o funcionamento dos canles de comunicación institucionais segundo a gravidade da situación.

Para os casos nos que simplemente se localice un niño sen que exista unha situación de perigo activo, os cidadáns deben avisar a través do número de teléfono 012 para proceder á súa retirada.

Polo contrario, se se produce un ataque ou unha picada, a chamada de emerxencia debe realizarse directamente ao 112 para activar a asistencia sanitaria.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora