A sede da Misión Biolóxica de Galicia converteuse no espazo de entrega dos galardóns dos III Premios Sofía Novoa Ortiz, que promove a Deputación de Pontevedra.
Nesta edición premiáronse a seis estudantes da Universidade de Vigo que incluíron a perspectiva de xénero nos seus traballos de fin de grao e de fin de máster. Ao acto que foi conducido pola escritora Ledicia Costas acudían a presidenta provincial Carmela Silva, o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto e o sobriño de Sofía Novoa, Juan Francisco Novoa, ademais de colectivos e asociacións de mulleres da provincia.
Carmela Silva na súa intervención quixo destacar a figura esquecida da pianista Sofía Novoa, que dá nome a estes premios. e lembrou que foi unha muller comprometida coa liberdade e a igualdade, pero que foi invisibilizada polo patriarcado.
Na modalidade de fin de máster foron premiadas Paula González, de Cambados; Laura Cao, de Viveiro; e Alba Vicente, da Guarda. Na categoría de fin de grao, as galardoadas foron María Dolores Fernandes, de Mos; Andrea López, de Moaña; e Belén Calero, de Vigo.