Entrega dun milleiro de árbores autóctonas para concienciar sobre os riscos do cambio climático

Pontevedra
20 de decembro 2022

Iván Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible, impulsa esta iniciativa para complementar a exposición itinerante instalada na ponte do Burgo. Tamén entregouse á cidadanía folletos informativos e un cento de bolsas con chuvasqueiros

Iván Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, explica o programa Pontevedra Flúe
Iván Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, explica o programa Pontevedra Flúe / Concello de Pontevedra

Iván Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, achegábase ata a praza da Peregrina, acompañado polos concelleiros Yoya Blanco e Marcos Rey, durante este martes para participar na campaña informativa que pretende trasladar á cidadanía as actuacións da estratexia Pontevedra Flúe, que sensibiliza á poboación sobre as consecuencias do cambio climático.

Nunha carpa distribuíronse entre os asistentes un milleiro de árbores autóctonas como carballos, piñeiros, loureiros, entre outros; un centenar de bolsas con chuvasqueiros e mil folletos informativos nos que se reflicten as actuacións proxectadas e os obxectivos da estratexia.

Iván Puentes destacou que esta iniciativa busca a concienciación ambiental e a loita contra o cambio climático, complementando a exposición itinerante instalada na ponte do Burgo e que traslada a vintena de proxectos, cun orzamento de máis de vinte millóns de euros, que están en marcha ou en tramitación con fondos propios e procedentes dos Next Generation da Unión Europea para promover a economía verde.

Segundo o concelleiro socialista, estas árbores contribuirán a reducir a pegada de carbono e a mitigar os efectos da evaporización e a seca cada un desde a súa casa. 

A marca Pontevedra Flúe aglutina intervencións para actuar nos leitos fluviais, co río Lérez como eixo vertebrador, ademais do Gafos, o rego de Valdecorvos, a Xunqueira de Alba e o río Rons. Segundo Iván Puentes, trátase de apostar por un "modelo de cidade 2.0", para converter a Pontevedra en referente internacional.

Entre os numerosos proxectos destaca a renaturalización do río dos Gafos; a recuperación da ponte do ferrocarril sobre o Lérez ou a restauración ambiental da Xunqueira de Alba. Outra das iniciativas consiste na conexión da senda do Lérez, que vén desde Bora, coas sendas que Poio proxecta ata Combarro, para que no futuro se estableza un itinerario peonil e ciclista que poida conectar Bora con Combarro.