Representantes do BNG de Marín presentaban este mércores máis de 500 sinaturas en defensa da sanidade pública no Rexistro do Parlamento de Galicia. Con esta acción queren denunciar os recortes constantes na área sanitaria e a mala situación de atención aos pacientes que se rexistra entre os residentes en Marín.
As firmas foron presentadas pola portavoz municipal do Bloque, Lucía Santos, coa presenza da vicepresidenta segunda da Mesa do Parlamento e deputada nacionalista Montse Prado e do deputado moañés Paulo Rios.
Santos denuncia a falta de persoal e a baixada de calidade na atención primaria priorizando as consultas telefónicas, unha situación que entende é preocupante ante a crise sanitaria.
Durante os últimos meses, a agrupación nacionalista realizou concentracións en defensa dunha atención primaria digna no municipio, ademais desta campaña de recollida de apoios co obxectivo de recuperar a atención primaria de calidade que demandan para a vila.