Entregan 104.000 sinaturas reclamando a supresión do convenio municipal cos propietarios da Praza de Touros

Pontevedra
21 de xullo 2017

Representantes de Marea e de "Galicia, mellor sen touradas" queren suprimir o apoio que o Concello de Pontevedra mantén de maneira indirecta para as corridas de touros que se celebran durante as festas da Peregrina

Entrega por parte de Marea de sinaturas recollidas 'Galicia Mellor sen Touradas' e Libera contra o convenio da Praza de Pontevedra
Entrega por parte de Marea de sinaturas recollidas 'Galicia Mellor sen Touradas' e Libera contra o convenio da Praza de Pontevedra / Mónica Patxot

O portavoz de Marea Pontevedra Luís Rei acompañado polo integrante de 'Galicia, mellor sen touradas"; Rubén Pérez; a senadora de Marea, Vanessa Angustia e o senador de En Comú Podem, Joan Comorera, entregaron este mediodía 104.000 firmas no rexistro municipal reclamando que se elimine o convenio do Concello de Pontevedra cos propietarios da Praza de Touros e, desta forma, suprimir o apoio de maneira indirecta ás corridas de touros que se celebran durante as festas da Peregrina.

Luís Rei, portavoz de Marea Pontevedra, indicou que Pontevedra converteuse no único punto de Galicia onde se celebran corridas nunha praza permanente e lamentou que se destinen 38.500 euros ao convenio asinado polo goberno local coa empresa dos irmáns Lozano.

Rubén Pérez, pola súa banda, explicaba que as firmas se recollen a través da web Change.org e mostran que a cidadanía está a pedir ao goberno de Fernández Lores unha reflexión sobre este acordo de aluguer do coso taurino. Criticou a Eduardo Lozano por afirmar que se manteñen os prezos das entradas e abonos para estas festas cando o Goberno rebaixou o IVE aos espectáculos taurinos: "Ou están a tomar o pelo aos afeccionados ou non se enteran da fiscalidade".

O representante de "Galicia, mellor sen touradas" sinalou que é necesario suprimir axudas a este espectáculo "bárbaro e sádico".

Os senadores manifestaron que Pontevedra debe seguir o exemplo de Barcelona que cortou as axudas ao "lobby taurino" e Joan Comorera indicou que a presión popular logrou prohibir as corridas de touros e que a pesar de que o Tribunal Constitucional derrogara esa lei, non se organizaron novos espectáculos taurinos na Monumental, a única praza permanente de Cataluña.

"Si cortas el grifo de las subvenciones es un negocio que ya no se sostiene", indicou o representante de En Comú Podem.