Críticas por un 'tentadero' taurino en Moraña

Umia
24 de agosto 2017

A plataforma' Galicia, Mellor Sen Touradas' e a asociación animalista Libera mostráronse moi críticos co anuncio da celebración dun 'tentadero' taurino durante a XXI Romaría Cabalar de Santa Xusta de Moraña o próximo 3 de setembro

Manifestación de Galicia Mellor sen Touradas
Manifestación de Galicia Mellor sen Touradas

A plataforma' Galicia, Mellor Sen Touradas' e a asociación animalista Libera mostráronse moi críticos co anuncio da celebración dun 'tentadero' taurino durante a XXI Romaría Cabalar de Santa Xusta de Moraña o próximo 3 de setembro. 

Ante o anuncio desta actividade, ambos os colectivos anuncian a reactivación da súa campaña de presión cidadá para impedir este acto, do mesmo xeito que ocorreu o pasado mes de xullo con outro previsto en Pontevedra.

Os colectivos mostraron a súa sorpresa pola "tozudez" mostrada pola organización promotora da romaría, que tenta introducir a tauromaquia na comarca dunha maneira case desesperada, e alertaron sobre a presenza dos logotipos da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia como entidades colaboradoras.

Ademais, avanzan contactos con ambas as administracións para coñecer que cooperación se puido realizar. 

Censuran tamén o estraño interese dos promotores da romaría por incluír actos taurinos que nada teñen que ver coa programación tradicional desta actividade festiva, e por iso tamén critican a pasividade cómplice do Concello de Moraña por posibilitar que se vaia a maltratar a varios animais como parte dunha actividade de lecer.